Cerponzóns recolle nun libro monográfico a súa historia e patrimonio
Por Oskar Viéitez
Os veciños da parroquia pontevedresa de Cerponzóns recibirán estes días un agasallo moi especial, trátase do libro 'Patrimonio Etnográfico de Cerponzóns', un monográfico no que se recolle a súa historia e patrimonio.
Este xoves tivo lugar no Concello de Pontevedra a presentación deste libro impulsado pola Asociación Cultural O Chedeiro e redactado polo antropólogo Rafael Quintía.
O concelleiro de Educación, Tino Fernández, agradeceu este traballo que sinalou como froito da "fortaleza do movemento veciñal" asegurando estar "orgullosos e honrados" de que a súa Concellería colaborase nesta recompilación de datos sobre o valor e o patrimonio da zona.
"Coñecer unha parte de Pontevedra é coñecernos un pouquiño mellor a todos nós", valorou o concelleiro socialista.
A intervención co inventario de bens e a elaboración da monografía está financiada pola Concellería de Educación do Concello de Pontevedra que encargou á empresa Ab origine (Antropoloxía, Produción e Xestión Cultural) a realización destas investigacións.
Juan José Esperón, portavoz da Asociación Cultural O Chedeiro, incidiu en que elaborar este libro "era un traballo que tiñamos que facer" e agora espera que esta obra teña continuación e tamén que noutras parroquias sígase o exemplo.
Coas investigacións levadas a cabo e co labor de inventariado recolleuse con detalle os diferentes elementos etnográficos e focalizándoos na historia desta localidade.
Nesta publicación descríbense cruceiros, muíños, fontes, lavadoiros, hórreos, pontes ou pombais, entre outros elementos que se atopan en distintos puntos da parroquia. Ademais, no libro contextualízanse estes elementos facendo un repaso sobre os seus usos e as características máis destacadas.
Rafael Quintía agradeceu a "sensibilidade" demostrada por O Chedeiro coa súa historia e admitiu estar "sorprendido" polo gran patrimonio que atesoura Cerponzóns que puido descubrir con este traballo.
Relacionadas:
-
Alumnado do IES A Xunqueira II descobre a unión veciñal para levar a auga ás casas de Cerponzóns
Por Redacción |
-
A UNED fará unha incursión no mundo das bruxas, mouras, feitizos e males de ollo
Por Redacción |
-
Un libro monográfico recollerá a historia e o patrimonio de Cerponzóns
Por Redacción |
-
Cerponzóns acolle a primeira mostra de igrexas parroquiais que teñen a San Vicente como patrón
Por Redacción |