Castelao abre a colección de publicacións 'Esenciais' do Museo de Pontevedra
Por Diana Eiras & Anxo Lourido
Un traballo sobre a obra de Alfonso Rodríguez Castelao en relación co Museo de Pontevedra convértese na primeira publicación de 'Esenciais', unha colección que nace co obxectivo de se converter nun elemento de "divulgación científica amable", segundo explicaba na presentación o director do Museo, Xosé Manuel Rey. Indicaba tamén que esta iniciativa "cumpre co desexo dunha renovación para darlle un novo pulo xerando novas narrativas e miradas, presentadas dunha forma máis amable. O mesmo faremos coa revista do Museo", apuntaba Rey.
Ao acto asistían tamén o autor dos textos do libro e especialista no Museo da figura de Castelao, José Manuel Castaño; a responsable de comunicación desta colección Ángela Comesaña; e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, quen destacou a importancia da publicación para divulgar os fondos esenciais do Museo.
Ao longo de 106 páxinas recóllense fotografías de obras do autor de Rianxo explicados por José Manuel Castaño, quen explicaba que o traballo recolle a evolución do artista condensándoa para destinala a todos os públicos. Castaño indicaba que Castelao é coas salas de arqueoloxía un elemento crave no ciclo educativo do Museo, espazo fundado no ano 1929 e que en 1931 xa recibía once obras do intelectual galeguista que se ía convertendo nunha figura esencial no ámbito político de Galicia.
Entre outras pasaxes, o libro recolle información sobre o Álbum Nós; a viaxe por Europa que Castelao realizou en 1921; a relación coa Sociedade Polifónica; a súa actividade como viñetista, artista e escritor; os 'Álbums de guerra' os debuxos realizados durante a súa estancia en Cuba e Nova York; as súas obras no exilio arxentino e un apartado centrado na figura do artista como líder do galeguismo.
Tamén se ofrece un deseño de como se atopan recollidas os seus traballos no Museo de Pontevedra para os visitantes. Ángela Comesaña indicaba que a primeira tirada é de 500 exemplares, pero están previstas novas edicións con material que será distribuído entre bibliotecas e centros de difusión cultural. A proposta, segundo expuxo, ofrece un deseño "atractivo" e sinxelo que se poida manexar facilmente. Os responsables do Museo estudan unha futura edición en castelán e outra en inglés para visitantes de ámbito estatal e internacional.
O director do Museo destacaba que as seguintes entregas de 'Esenciais' se realizarán dependendo das posibilidades organizativas do Museo pero non se establece unha periodicidade marcada. Confirmou que xa se está a traballar no próximo número, que se centrará no 'Tesouro de Caldas', con textos dunha persoa especializada externa ao Museo de Pontevedra. Está prevista tamén a creación de caixas que recollan as dez primeiras obras publicadas.