Alfonso Zarauza xa grava a película "Pontevedra, hora cero"
Desde hai unha semana, o director Alfonso Zarauza volveuse a poñer detrás das cámaras. Grava en Pontevedra unha película que, a medio camiño entre o documental e a ficción, narrará os cambios que experimentou a cidade nos últimos anos.
A rodaxe da película, que recibirá o nome de Pontevedra, hora cero, comezou centrándose na parte "máis documental e contemplativa", segundo explicou Zarauza, durante un parón na gravación que el e o seu equipo fixeron este luns no Café Savoy.
Durante esta primeira semana, o traballo foi "esperar á luz adecuada" para gravar escenas desde os "puntos de vista máis altos da cidade" como a vella canteira, o hospital Montecelo ou o barrio de Monte Porreiro.
Neste último enclave, segundo o director, "unha señora chamada Lola abriunos as portas da súa casa" para retratar desde as alturas o río Lérez, "porque ten unha vista espectacular sobre o primeiro meandro, na ponte dos Tirantes".
Tras esa primeira fase de rodaxe, Alfonso Zarauza comezou a dedicarse á parte de ficción, interpretada polas actrices Ledicia Sola, Melania Cruz e Marta Lado, que ao seu xuízo son as "mellores actrices que temos neste país".
"Xogamos a romper a película saltando do documental á ficción", adiantou o director galego, remiso a desvelar nada dunha historia que, segundo recoñeceu, parte dun guion que o Concello, que financia o filme, "non coñece" e, por tanto, "non me censuraron nada".
Zarauza subliñou que "todo o mundo está a recibirnos moi ben", permitindo a un equipo de ata quince persoas acceder a sitios históricos da cidade. "Estamos moi contentos e empapándonos de todo o que é Pontevedra", engadiu.
A película ródase integramente en Pontevedra porque a cidade "é a protagonista", afirmou o director, pero desde un ángulo "que non sexa manido nin tópico", buscando que a alma da Boa Vila "vaia calando no espectador de diferentes maneiras".
A vertente documental está a gravarse "como antigamente" con cámaras de cine de 16 milímetros, mentres que a ficción ródase con cinematografía xa dixital.
Para abordar esta historia, recoñeceu o cineasta, "atopar o camiño foi un proceso longo e de autoesixencia comigo mesmo", pero asegura estar satisfeito co resultado porque "podo mostrala ao mundo dunha maneira particular e persoal".
"Non podo falar de algo que non ame profundamente, polo que foi moi importante poder atopar ese camiño", sentenciou Alfonso Zarauza, que promete "grandes sorpresas" como a que se atopou o propio alcalde "que pensou que houbo un enfado na gravación".
A rodaxe de Pontevedra, hora cero continuará este martes no Museo de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Teatro Principal estrea o filme "Pontevedra, hora cero"
Por Oskar Viéitez |
-
Alfonso Zarauza estrea 'Pontevedra, hora cero' o xoves 4 de xaneiro no Teatro Principal
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz & Mónica Patxot |
-
"Malencolía" de Alfonso Zarauza xa se pode ver nos cines de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A mirada "honesta" de Alfonso Zarauza sobre Pontevedra converterase en película
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |