Que non pare a música!, novo ciclo de concertos en Pontevedra con Carlos Sadness, Dakidarría ou Baiuca
Por Alejandro Espiño
Nace un novo ciclo de concertos en Pontevedra. Trátase de "Que non pare a música!", que se desenvolverá no Recinto Feiral os días 12, 13 e 14 de novembro.
Carlos Sadness, Dakidarría, Boyanka Kostova, Furious Monkey House, Baiuca, Cora Velasco e Sondarúa serán os protagonistas desta primeira edición, na que o público poderá estar de pé. A máscara, iso si, seguirá sendo obrigatoria.
O ciclo ofrecerá catro sesións diferenciadas na que se darán cita algúns dos grupos máis destacados do panorama musical galego, estatal e da propia cidade de Pontevedra.
Os concertos comezarán o venres 12, ás 21:00 horas, con tres dos grupos con letras máis reivindicativas de Galicia, o grupo de rap Sondarúa, a banda punk-rock Dakidarría e os trapeiros Boyanka Kostova. O prezo desta primeira xornada será de 12 euros.
O sábado será a quenda dos sons indies cos pontevedreses La Casa de los Ingleses e o cantante e compositor catalán Carlos Sadness, que será un dos pratos forte do ciclo de concertos. Para este día, o prezo é de 18 euros.
Para a xornada final do domingo, celebrarase, a partir das 11:30 horas, unha sesión vermú coas bandas pontevedresas Furious Monkey House e Cora Velasco. O prezo da entrada será de 5 euros.
Ás 18:30 horas, pechará o ciclo Baiuca, un dos grandes nomes do panorama musical galego actual. A banda está de actualidade tras quedar atrapado na embaixada de Sudán como consecuencia do golpe de estado militar neste país africano.
As entradas sairán á venda este xoves 28, a partir das 10:00 horas, na plataforma Ataquilla.com. Haberá un número limitado de bonos a un prezo de 25 euros.
O ciclo Que non pare a música! entra dentro das axudas do Xacobeo 21-22 e da Xunta de Galicia ás empresas musicais, uns dos sectores máis prexudicados pola pandemia. Conta tamén co apoio do Concello de Pontevedra, Vibra Mahou e Deleite.
Relacionadas:
-
Baiuca, Cora Velasco e Furious Monkey House pechan con ritmo o festival Que non pare a música!
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
La Casa de los Ingleses e Carlos Sadness deixan paso á última xornada do ciclo Que non pare a música!
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Todo preparado para que mil persoas logren que non pare a música no Recinto Feiral
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |