‘Pop-up. Libros Móbiles e despregables’ mostra exemplares únicos no Museo
Por Cristina Saiz & María José Pita
O edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle unha exposición composta por arredor dun centenar de exemplares de libros móbiles e despregables, que ofrece unha visión sobre unha técnica cuxo uso se remonta ao século XIII, cando se ten referencia de que o mallorquino Ramón Llull introduciu por primeira vez elementos mecánicos de papel nun libro.
"Presentamos a través desta exposición unha selección de libros animados que constitúen pequenos tesouros bibliográficos polo seu valor histórico e artístico", sinalou o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, ao inaugurar a mostra ‘Pop-up. Libros Móbiles e despregables’ aberta desde este xoves 29 de xullo e ata ao 12 de outubro.
A través dunha escolma dos máis de 2.200 libros pop-up que forman a colección que os palentinos Ana María Ortega Palacios e Álvaro Gutiérrez Baños reuniron durante 30 anos, búscase amosar a historia destes formatos. "La intención es que el visitante sepa cuál fue su origen, cómo evolucionaron, cómo funcionan y de qué tratan, ya que no se reducen solamente a cuentos infantiles", explicaron os propietarios e tamén comisarios da exposición.
As persoas que se acheguen á sala 1 do edificio Castelao poderán realizar un percorrido a través destas pezas organizadas cronoloxicamente, partindo dun orixinal do século XVII ata as actuais propostas do norteamericano Robert Sabuda, autor do que se amosan edicións limitadas e asinadas nas que combina a pregadura, a papiroflexia integrada no libro e a ensamblaxe con cordas.
Especial atención reciben tamén os artistas Ernest Nister, Raphael Tuck e Lothar Meggendorfer polo seu destacado papel na época dourada destes volumes, datada a finais do século XIX. De feito, "el auténtico tesoro de nuestra colección, y que exhibimos aquí, es una pieza de Lothar Meggendorfer, de la que solo existen dos ejemplares en el mundo", apuntaron os comisarios. Trátase de ‘Le gran cirque international’, unha obra feita en París no ano 1887.
Tras esa etapa álxida, a primeira e segunda guerras mundiais supuxeron, xa no século XX, un freo na produción destes libros, aínda que non desapareceron totalmente ao substituír aos xoguetes nunha época de carencias. Posteriormente, o auxe dos pop-up comezou nos anos 60 en Checoslovaquia con Vojtech Kubasta e, na actualidade "fálase dunha segunda idade de ouro con obras de enxeñería en papel impresionantes", destacou o director do Museo.
A selección de pezas reflicte tamén as distintas técnicas empregadas na súa elaboración, como solapas, lingüetas, persianas, acordeóns, teatriños, carruseis, entre outros. Ademais, nos textos y audivosuais que acompañan á mostra explícase o proceso de ensamblaxe final que pasa necesariamente por labores manuais realizadas nas últimas décadas en Colombia, Ecuador e México, e que na actualidade foi asumida por man de obra de China.
"El ingeniero de papel es el responsable de concebir este mecanismo que después se hará tridimensional" co traballo manual de reprodución dun determinado número de exemplares, apuntou Álvaro Gutiérrez, quen engadiu que hoxe por fortuna hai un movemento por parte dos artistas para esixir aos talleres condicións de traballo dignas e non uso de man de obra infantil, o que implicará que nos próximos anos as obras encarezan notablemente o seu custo.
Na mostra poderán verse exemplos de publicacións elaboradas con tridimesionalidade sobre natureza, pintura, arquitectura, enxeñería, teatro, cine, vehículos, avións, barcos, arquitectura ou contos. "A necesaria presentación en vitrinas de todos estes volumes fai que se perda o movemento, cuestión que suplimos con audiovisuais nos que se pode ver o funcionamento dos exemplares", engadiu José Manuel Rey.
CATÁLOGO E OBRADOIROS
Co inicio da mostra, o director do Museo fixo tamén a presentación do catálogo editado pola institución museística, que inclúe as imaxes e a historia dalgunhas das pezas máis importantes das que conforman a exposición e que pode adquirirse na recepción do edificio Castelao ou consultarse na sala de investigación situada no edificio Fernández López.
Por outra banda, o director do Museo adiantou que nuns días o departamento de Educación abrirá a inscrición para participar nos obradoiros relacionados cos libros despregables e que estarán dirixidos a público infantil.
Relacionadas:
-
RADIO.- Sergio Costas publica con só sete anos o seu primeiro libro, 'O monstro e a nena', ilustrado polo seu pai
Por Marisa Ciordia |
-
Instalación-homenaxe no Museo polo centenario do pasamento do pintor Francisco Pradilla
Por Redacción |
-
O Museo abre a exposición 'Mulleres. De Renoir a Sorolla' con medio cento de obras de artistas de renome
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
O Museo repasa a historia dos libros despregables a través de 100 exemplares de diversos países e épocas
Por Redacción |