O Paseo dos Gafos encherase de música clásica durante a vindeira semana
Por Redacción
O ciclo Clásicas no Gafos encherá de música o paseo do río entre o 26 e o 29 de xullo. Enmarcado no programa O Son da Rúa, o Concello de Pontevedra seguirá ofrecendo un verán cheo de diversas alternativas musicais, lúdicas e de ocio en contacto coa natureza.
En total haberá catro xornadas consecutivas. O primeiro día, o 26 de xullo, a pianista Aida Saco ofrecerá un concerto despois de lograr o primeiro premio no European Piano Competition 'Salentinae Terrae' e o premio especial do xurado, o pasado mes de abril. Ademáis suma o segundo premio na décima edición do concurso Internacional 'Città di Massa' e o terceiro premio no XII Prémio Nacional/II Prémio Luso/Galaico 'Elisa de Sousa Pedroso'.
O 27 de xullo será a quenda de Germán Díaz & Benxamín Otero, que propoñen unha escolma de cancións de compositores como Schubert, Satie, Galliano ou Clastrier, cancioneiros como o de Inzenga ou de Federico Olmeda, e melodías propias, conformando un corpus ecléctico e accidental.
O Concerto das Donas, liderado pola violinista María José Pámpano, será o grupo encargado de amenizar a velada o día 28. Trátase dun grupo de mulleres que buscan visibilizar a pegada feminina na historia da música presentando unha singular proposta que afonde na obra instrumental de compositoras do Barroco como Isabella Leonarda ou Élisabeth Jacquet de La Guerre.
Por último, Pedro Lamas (saxos, dulzaina, acordeón, gaita e percusions), Jacobo de Miguel (piano) e Xosé Lois Romero (percusións tradicionais), presentarán Azougue, co que pecharán este ciclo de Clásicas no Gafos.
Todos os concertos serán ás 21:00 horas no Paseo dos Gafos. A entrada é de balde.
Relacionadas:
-
O jazz toma protagonismo nas Festas de Verán
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A 'Voz de muller' de Amparanoia pon o ritmo a un caloroso sábado na Ferrería
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A 'voz de muller' de Tanxugueiras, Amparanoia, Uxía, Chévere e A Panadaría resoará en Pontevedra
Por Redacción |
-
Catorce programas festivos para animar o verán en Pontevedra antes das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |