O ilusionismo desaparecerá e aparecerá durante cinco noites na Praza da Ferrería
Por Redacción
Ponteilusión, o ciclo de ilusionismo, chega este sábado 24 á programación de verán do Concello de Pontevedra coa actuación a partir das 22.00 horas na Praza da Ferrería do mago galego Dani Polo.
Durante cinco días consecutivos, ata o mércores 28 de xullo, todas as noites o escenario da céntrica praza pontevedresa acollerá unha actuación dos mellores meigos de Galicia.
A entrada é gratuíta e seguiranse todos os protocolos sanitarios establecidos polas autoridades. A programación é a seguinte:
- Sábado 24. 'A maxia de Dani Polo', un espectáculo áxil no que se suceden sorpresas permanentes no escenario.
- Domingo 25. 'Ilusionante', do ilusionista pontevedrés Pedro Volta, que ofrece un show de 80 minutos para público familiar, con novos números de escapismo, a especialidade deste artista.
- Luns 26. 'The Magicians', con Arkadio e Solange Kadinaly. Esta parella combina humor e números atractivos nunha montaxe conxunta.
- Martes 27. O Mago Teto presenta 'Alquimia', unha proposta sobre a simboloxía dos libros sobre esta práctica protocientífica con este mago galego en busca da pedra filosofal para atopar a felicidade xeral.
- Mércores 28. 'Francois Lafayette. Le Cirque', do Mago Cayetano Lledó, coa combinación de maxia con comicidade a través de teatro clásico e contemporáneo baixo a influencia das artes circenses.
Todas as actuacións comezarán ás 22.00 horas.