'Rosa' é o primeiro single do próximo traballo discográfico do músico pontevedrésValentín Dacova. Desde este pasado luns 8 de marzo está dispoñible en todas as plataformas dixitais. A data non está elixida o azar, de feito estaba elixida fai máis dun ano; para lanzala o 8M do 2020, pero un coronavirus desbaratou os seus plans.
Unha letra, a desta canción, que veu motivada por unha experiencia propia, á que engadiu outra parte creada polo músico, e que ten como resultado unha forma de pensar e unha reivindicación que explica no podcast de PontevedraViva Radio.
'Ridícula harmonía' será o nome do EP, o seu segundo proxecto en solitario. O primeiro foi en formato LP, 'Como dormen as jirafas' que editou en 2019. Conta no 'Cara a cara' que durante o confinamento non foi capaz de escribir nin de compoñer. Tirou do traballo que gardaba e comezou a "soprar para separar a palla do gran" e engadirlle o aderezo do Valentín Dacova de hoxe.
Dacova afirma vivir en 2020 "un dos mellores anos da miña vida" e ten a súa explicación. Unha explicación con nome propio e que segue "facéndome virar" cada día. Musicalmente espera seguir desenvolvendo este novo proxecto musical para o que conta con novos promotores e coa produción doutro pontevedrés, Rodrigo Valiente.