Falece Olimpio Liste, o mestre pontevedrés coñecido polo seu Museo etnográfico
Por Anxo Lourido
Olimpio Javier Liste Regueiro falecía este domingo aos 81 anos de idade. Este profesor pontevedrés que exerceu como mestre, entre outros centros, na Xunqueira durante anos foi fundador e presidente da Fundación Liste, institución que rexentaba o único museo etnográfico de Galicia, un museo que durante anos figuraba como primeira alternativa para dar contido ao edificio do Pazo de Mugartegui a finais da década dos 90. Finalmente, a falta de financiamento levou a que Olimpio Liste rematase creando este museo de "cultura material galega" en Vigo e en Oseira.
Durante anos, Olimpio Liste e a súa esposa Josefina Fernández foron elaborando coleccións con máis de 2.000 instrumentos utilizados por artesáns galegos, no que supón unha obra museística única en Galicia.
Este luns celebrouse un acto de despedida no Velorio Virxe do Camiño de Pontevedra para a posterior incineración do cadáver na intimidade familiar. Durante a xornada de mañá, martes, terá lugar o funeral polo seu eterno descanso na igrexa parroquial da Virxe do Camiño ás 18:30 horas.