Aprazan pola covid 'Comando Comadres', a obra que abriría o ciclo Ponteatro
Por Redacción
O Concello de Pontevedra comunicou o aprazamento da representación no Teatro Principal da obra 'Comando Comadres'. O espectáculo, programado a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios dentro do ciclo Ponteatro e que estaba previsto para o 25 de febreiro, trasládase ao 25 de novembro.
As entradas xa adquiridas serán válidas para a nova data, aínda que os compradores que o desexen poden solicitar a devolución contactando con ataquilla@afundacion.org.
A compañía Matrioshka Teatro emitía un comunicado para informar das razóns deste aprazamento, que explicaba nos seguintes termos: "Á situación alarmante que acadou a incidencia da epidemia da covid-19 en Galicia nestas semanas engadíronse os riscos concretos para a saúde de parte do equipo do espectáculo (certificados medicamente). Isto fixo que Matrioshka se vise na obriga este pasado martes 19 de xaneiro de acordar a suspensión temporal dos traballos de montaxe do espectáculo 'Comando Comadres' así como as funcións que a peza tiña pechadas na Rede Galega de Teatros e Auditorios da AGADIC".
A compañía santiaguesa expresa no seu comunicado o seu orgullo polo "comportamento responsable do sector cultural galego ante a emerxencia sanitaria" á vez que manifesta o seu pesar por ter que adiar os seus espectáculos porque "nin está en disposición de substituír unha parte fundamental do equipo nun espectáculo de creación propia, nin ten intención de poñer en perigo a saúde de ningunha das participantes nel".
Finalmente "agradece a comprensión dos concellos aos que afecta esta suspensión temporal e agarda con impaciencia o momento de compartir co público o seu 'Comando Comadres'".
Relacionadas:
-
A aclamada "O mozo da última fila", próxima cita do ciclo Ponteatro no Principal
Por Redacción |
-
'Feminíssimas' abre este xoves o ciclo de actuacións de Ponteatro
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Ponteatro, ao rescate do sector cultural con tres funcións 'extra' entre febreiro e maio
Por Alejandro Espiño |
-
Xoves de Ponteatro coa montaxe '#camiños', de ButacaZero
Por Redacción |
-
"Fariña" suspende as oito funcións en Pontevedra, previstas para decembro
Por Alejandro Espiño |