De Belas Artes á Fundación Eugenio Granell
Por Redacción
A profesora da Facultade de Belas Artes, Loreto Blanco, expón a súa obra na Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela. Baixo o título 'Te miro y te veo', reúne unha serie de 36 lenzos que parten á súa vez de fotografías tomadas nunha contorna natural, que a artista exhibe por primeira vez.
Esta exposición nace da convocatoria de axudas para a realización, comisariado e montaxe de exposicións da Universidade de Vigo. "Para este traballo parto dun amor moi grande á natureza, ela foi a que me inspirou e conectou coa intención desta exposición e a través dela realicei unha viaxe interior de introspección e coñecemento", recoñece Blanco Salgueiro, que presenta as diferentes obras como "retratos de seres" xurdidos da natureza.
"Cando falo de seres, falo de conciencias, de sabedorías presentes neses retratos que nos miran e que, ao mirarnos, poden facer de espello do noso propio ser, das nosas sombras, máscaras, medos e tamén luces", salienta a artista respecto do motivo dunha mostra que, recoñece, nace dunha mirada "espiritual" e dunha concepción da arte como "un vehículo de crecemento persoal".
As obras que integran esta exposición teñen todas elas como punto de partida unha fotografía tomada nunha contorna natural, á que posteriormente Blanco somete a un "traballo de edición, creando un espello, en ocasións múltiple e noutras dobre", que lle permite á súa vez afondar "na fractalidade da imaxe, en como a realidade está contida en múltiples realidades". Este traballo de edición fotográfica, dirixido a multiplicar "os patróns" da natureza, serve posteriormente como punto de partida aos lenzos que se presentan por primeira vez nesta exposición.
Estas obras dan continuidade á serie desenvolvida por Loreto Blanco desde 2012 co título 'Los habitantes de Gaia' e poden visitarse na Fundación Eugenio Granell, na praza do Toural de Santiago de Compostela, ata o 22 de novembro.