Tarabela teatraliza en Vilagarcía a curiosa, cómica e mesmo cruel relación das mulleres octoxenarias coa sexualidade
Por Redacción
A vindeira cita de Vilagarcía co teatro galego chega o sábado, 3 de outubro da man da compañía Tarabela Creativa e a súa obra "Tabú". Baixo este clarificador título, Carmen Conde teatraliza algunhas das historias reais relatadas por mulleres octoxenarias de diferentes zonas de Galicia en relación coas vivencias que elas tiveron cos temas relacionados co sexo.
A función comeza ás 21.00 horas e forma parte do ciclo teatral da Rede Galega de Teatros e Auditorios que financian a Concellería de Cultura do Concello e a AGADIC.
"Tabú" é o novo espectáculo de Carmen Conde, que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Trátase dun show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú.
Co aforo do Auditorio limitado a 60 prazas polas restricións do covid, as persoas que desexen asistir ao espectáculo poden adquirir anticipadamente as súas entradas a través de ataquilla.com ou do teléfono 902504500. O prezo xeral do billete é de 5 euros (máis custes de xestión na venta anticipada), e de 3 euros para persoas maiores de 65, parados e titulares do carné xoven, acreditando a situación cos correspondentes carnés. De non esgotarse antes, tamén s epoderán adquirir o día da función na billeteira do Auditorio a partir das 19.00 horas.