Arco, Rayden e Mounqup, nun MicroSonRías "desechufado pero amplificado"
Por Alejandro Espiño
A situación sanitaria creada pola COVID-19 obrigou os organizadores do SonRías Baixas a reformular o seu festival. Ante a imposibilidade de celebrar un evento como o de anos anteriores, optaron por ofrecer un formato máis reducido: o MicroSonRías.
Dous concertos "desenchufados pero amplificados" de Rayden e Arco no Recinto da Estacada e tres micro concertos en Ons, na Igrexa románica de Santa María de Cela e na senda fluvial do río Bispo compoñen a programación alternativa á décimo oitava edición do festival.
"A cultura é segura, a nosa proposta é segura e isto é o máis importante para nós", destacou o seu codirector, Jordi Lauren, na presentación dun evento que pretende manter a filosofía do festival a través dunha proposta "moi coidada e adaptada ás circunstancias".
Esta proposta "micro" arrancará este xoves, 30 de xullo, ás 18.00 no pavillón municipal de Bueu cun grupo de 20 persoas que percorrerán a Ruta dos Muíños do Río Bispo e gozarán cun microconcerto de Mounqup.
Esta música francesa afincada no rural ourensán ofrecerá arroupada pola natureza un petisco da súa proposta musical, na que usa tanto o galego como o inglés e o francés para navegar polo jazz, o soul e o R&B subida á nave da electrónica.
Ao rematar o microconcerto, a expedición dirixirase ao obrador da Panadería Amador onde aprenderán todos os segredos do pan de Galicia.
O venres 31 de xullo, pola mañá, un selecto grupo de 20 persoas visitará a illa de Ons co artista urbano do momento, Rayden, e achegaranse ao polbo das rías e ao mexillón de Galicia.
Pola noite, o rock de acento flamenco do carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Arco, volverá ao Recinto da Estacada de Bueu cun novo traballo -o terceiro do seu proxecto persoal- debaixo do brazo.
O sábado 1 de agosto tamén haberá dobre programa. Pola mañá, vinte persoas visitarán a igrexa románica de Santa María de Cela, onde gozarán cunha degustación e masterclass de viño Tinta Femia e coa música de Arco dende o miradoiro.
Pola noite, Rayden pechará o MicroSonRías cun concerto adaptado aos novos tempos.
As entradas para os acústicos de Arco e Rayden están á venda por 10 euros a entrada para un día e 15 quince o abono para os dous. Os convites para os microconcertos serán gratuítos e poderán reservarse na web do festival este martes a partir das doce do mediodía.
Relacionadas:
-
O MicroSonRías demostra que a cultura é segura tamén en época de pandemia
Por Redacción |
-
O modelo Rías Baixas Fest reinvéntase con espíritu "guerrilleiro" porque "non podemos vivir sen música"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Acústicos de Rayden e Arco para o MicroSonRías, a alternativa ao SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
Os Rías Baixas Fest organizarán microconcertos nos meses de setembro e outubro
Por Oskar Viéitez |
-
O SonRías Baixas 'ficha' o rapeiro Kase.O para a súa edición de 2020
Por Alejandro Espiño |