Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil para aliviar o confinamento
Por Redacción
A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, anuncia que a terceira edición do certame de literatura xuvenil "Premio María Victoria Moreno" segue adiante, malia o estado de alarma no que nos atopamos.
Neste sentido, para a concelleira é importante poder manter todas as actividades posibles de xeito que "seguimos coa política de non cancelación da cultura e convocamos o III Premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno. Igual que fixemos con outros proxectos coma o Salón do Libro, adaptando o seu formato ao dixital e compartindo contidos remunerados, porque a cultura debe ser sempre remunerada, decidimos non adiar este certame e agardamos e desexamos que os nosos escritores e escritoras foran visitados pola inspiración durante o confinamento e recibamos unha chea de obras fermosas e de gran calidade como en certames anteriores".
Esta terceira edición do premio levarase a cabo da man da editorial Cuarto de Inverno, que editará e publicará a obra gañadora, dotada con 4.000 euros por parte do Concello de Pontevedra a través do Organismo Autónomo Pazo da Cultura.
O prazo de presentación das obras, inéditas, en lingua galega e cun máximo de 250.000 caracteres, abrirá ao día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. A concelleira non pode sinalar a data, dado o estado de alarma no que nos atopamos e que vén retrasando a actividade administrativa, en todo caso, "agarda que suceda pronto".
Relacionadas:
-
A viguesa Pilar Ortega, gañadora da cuarta edición do premio literario María Vitoria Moreno
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
A pontevedresa Lorena Conde é a gañadora da terceira edición do certame literario María Vitoria Moreno
Por Manu Otero |
-
Punto e final ao Salón 'virtual' do Libro despois de 73 días de actividade
Por Redacción |
-
Aforamento reducido, varios pases por espectáculo e programación todo o ano, propostas do Pazo da Cultura
Por Alejandro Espiño |
-
O Salón do Libro celebra o Día da Danza cun espectáculo virtual da compañía Pesdelán
Por Redacción |
-
Castelao é o protagonista do Día do Libro no Museo de Pontevedra
Por Redacción |