O XVI Premio de Narración Curta do Concello de Marín, aprazado ata despois do estado de alarma
Por Redacción
A XVI edición do Premio Narración Curta organizado polo Concello de Marín foi aprazado, tal e como informou a Concellaría de Cultura este sábado.
O premio, que se celebra para conmemorar o Día das Letras Galegas e que tiña como data de fin de prazo o 20 de abril, ten que quedar "en hibernación", segundo explicou a concelleira Beatriz Rodríguez, para recuperalo cun novo prazo de presentación de textos unha vez que pase o estado de alarma.
Desde o Concello, animan á cidadanía para "aproveitar estes días de confinamento para ler, escribir, e gozar de boa literatura e inspirarse para animarse despois a participar neste concurso, que leva tantos anos vixente".
Doutra banda, Cultura está a traballar en poñer en marcha unha programación específica para a conmemoración do Día do Libro utilizando as redes sociais.
Para iso, a principios da próxima semana detallarán esta iniciativa "coa que pretendemos manter aos veciños e veciñas de Marín entretidos cunha oferta cultural de calidade e pensada para toda a familia".
Por último, desde o Concello explican que están a desenvolver a campaña 'En Marín, #ACulturaSegue', usando o hashtag promovido pola Xunta de Galicia e utilizan para a difusión de vídeos centrados na figura do pintor Manuel Torres dentro da conmemoración do Ano Torres e lembran que o domingo haberá unha nova entrega destas pezas, centrada, nesta ocasión, na relación entre Torres e a música.