O castelo de Soutomaior invita a descubrir como vestían as mulleres burguesas de finais do século XIX
Por Redacción
Xoias, tecidos, abelorios e mostra de camisas ou zapatos, entre outras pezas históricas da indumentaria feminina comprendida entre 1870 e 1925 atópanse desde este xoves expostas no Castelo de Soutomaior, baixo o título 'A moda en detalles'.
Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial; o deputado de Cultura Xosé Leal e o alcalde de Soutomaior Agustín Reguera achegáronse ata o Castelo para homenaxear os mariñeiros falecidos durante as últimas horas nos accidentes marítimos que se rexistraron no litoral galego. As autoridades gardaron un minuto de silencio para, a continuación, abandonar o recinto dentro da xornada de pesar que se vive en Galicia.
A comisaria da exposición Natalia Fraguas explicaba ao numeros público o contido desta interesante mostra que permite que se presenten pezas gardadas no Museo de pontevedra, que non foran expostas ata agora ao público. Trátase de indumentarias e complementos que proceden de familias burguesas de Pontevedra como García Solís, Domerq ou as irmás Mendoza, propietarias do Palacete no que se atopa situado o Patronato Turismo Rías Baixas. Un importante número dos traballos que se mostran están inspirados na moda procedente de París a finais do século XIX e con tecidos que procedían dos mellores establecementos comerciais de Londres.
Naquela época, o castelo de Soutomaior era a residencia dos marqueses de la Vega de Armijo e, posteriormente, de María Vinyals, a escritora que conta cunha sala sobre a súa importante traxectoria nas instalacións. Precisamente, con esta mostra tamén se busca a dinamización deste espazo ofrecendo iniciativas relacionadas con persoas que habitaron o castelo durante a súa historia.
A exposición non segue unha liña cronolóxica senón temática, en relación cos bordados, xoias, abanos ou outros complementos que se distribúen ao longo da sala.
Natalia Fraguas invitou aos interesados a fixarse nos pequenos detalles das pezas dunha mostra que permanecerá aberta ata o 24 de febreiro.
Relacionadas:
-
RADIO.- Así se cociñaba con "as mulleres máis modernas do século pasado en Pontevedra"
Por Marisa Ciordia |
-
Recreacións de Emilia Pardo Bazán e Pedro Madruga guiarán a visitantes polo Castelo de Soutomaior
Por Anxo Lourido |
-
Cal foi a contribución da moda ao feminismo?
Por Oskar Viéitez |
-
Tres novas rúas de Tafisa e o parque ante a Xunta de Campolongo bautizaranse con nome de muller
Por Natalia Puga |