As máis importantes produtoras españolas seleccionarán proxectos audiovisuais no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O Clúster Audiovisual Galego desenvolverá unhas xornadas o martes 20 e o mércores 21 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Trátase da duodécima edición do pitching 'I+P Ideas para producir', na que se presentarán 17 proxectos entre os que se inclúen longametraxes de ficción, documentais, series e miniseries de televisión, ademais de proxectos transmedia.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; María José Echevarría Moreno, xefa do servizo de coordinación da área cultural da Xunta de Galicia e Jorge Algora, presidente do Clúster Audiovisual Galego presentaban esta iniciativa facendo referencia á relevancia que Pontevedra está a proxectar como espazo para a rodaxe de pezas audiovisuais.
Algora destacaba que películas como 'La sombra de la ley' ou series como 'Fariña' ou 'Vivir sin permiso' sitúan a Pontevedra como punto atractivo para futuras producións que atopan na cidade un escenario "único, de pedra e con moitas posibilidades".
Neste sentido, Anabel Gulías avanzou que o 20 de novembro vai realizarse unha visita por diferentes puntos da cidade que exerceron de platós en películas como 'A lingua das bolboretas' ou 'Os luns ao sol'.
Máis de cen profesionais do sector asistirán a este encontro coa presenza de máis de 20 responsables de contidos de canais de televisión, produtoras e distribuidoras de primeiro nivel como, entre outros, RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Movistar+, CRTVG, TV3, EITB, Grupo Euskaltel, Filmax, DeAPlaneta ou Boomerang TV citaranse na cidade para coñecer as 17 propostas seleccionadas entre 110 proxectos para que se avalíe a súa posible produción.
Entre estas propostas atópanse dúas de orixe pontevedresa, a longametraxe 'Qué hicimos mal?', de Matriuska Producciones e a miniserie de televisión que promove o cineasta Samuel Lema, 'La casa y el cadáver'. Xunto a eles destaca unha serie documental de Sergio Pazos titulada '#WhySpain' 'Quiéreme siempre', longametraxe de Xoubiña Films; 'Un robo de altura', film de Lorolo; 'Chico conoce chica', de Lago&Laporta e a serie transmedia de Milana Bonita Producciones, 'We lover size. Las mujeres de verdad tienen curvas'.
Os proxectos seleccionados contan cun ano de inscripción gratuíta no mercado online de Filmarket Hub, na que poden contactar con produtores e empresas tanto europeas como de Latinoamérica.