Rosemary revive o palco da Alameda coa súa música
Por Sara López Lago
Este xoves 3 de maio ás 20:30 tivo lugar o concerto de Rosemary, o proxecto musical en solitario de Marián Romero. Esta estudante de Publicidade e Relacións Públicas no campus de Pontevedra, foi a encargada de inaugurar o ciclo de actividades do proxecto "Sube ao Palco". Voz e guitarra inundaron de música a Gran Vía de Montero Ríos.
O público gozou de case unha hora de actuación con temas propios e versións de cancións máis coñecidas, nas que mesturou estilos coma o soul, R&B, gospel e blues.
Esta iniciativa da Concellería de Cultura pretende dinamizar e dar unha nova vida ao palco de música da Alameda e, ao mesmo tempo, visibilizar o talento artístico da xuventude pontevedresa.
Todos os xoves dos meses de maio e xuño (agás o 17 de maio, festividade das Letras Galegas, e o 6 de xuño, que será mércores) o quiosco acollerá doce propostas de mozos de entre 12 e 35 anos que se presentaron ao concurso. O teatro, a música, a pintura e o cine encherán de vida este espazo, que volverá ser un foco da arte pontevedresa.