As mulleres protagonizarán a lectura institucional do Día de Rosalía na Deputación
Por Redacción
Mulleres representantes de colectivos de discapacidade, do deporte, de profesións liberais, e de sectores produtivos do mar e da horta protagonizarán a lectura institucional do Día de Rosalía na Deputación.
"Queremos que o Día de Rosalía sexa representativo de toda a sociedade de hoxe en día, que non se circunscriba só ao mundo da cultura ou da literatura, que vaia máis aló, tal e como merece a nosa poeta nacional". Así explica Xosé Leal, responsable da área de Cultura e Lingua da Deputación, a escolla das persoas que este ano participarán na lectura institucional do Día de Rosalía.
A lectura institucional, que terá lugar o venres 23 ás 11:30 horas no vestíbulo do Pazo provincial, contará coa presenza de oito mulleres. Abrirá a quenda a autora Eva Mejuto, en representación da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega, que será a encargada de ler o manifesto desta edición titulado "Abride as fiestras", da autoría de María Reimóndez. Seguiralle Mª de los Ángeles Lorenzo Prego, vicepresidenta do Consello Territorial da Once en Galicia, que lerá un poema escrito en braille. No ámbito da discapacidade tamén participarán representantes de XOGA, a organización de persoas xordas de Galicia, sendo Raquel González Novelle a que lerá o poema en lingua oral, mentres a presidenta da organización, María Jesús Monterde, realizará a lectura simultánea en lingua de signos.
Do mundo do deporte, participará Jennifer Lores, capitana do Poio Pescamar de Fútbol Sala, do ámbito da profesión liberal participará Belén Romero, avogada do gabinete pontevedrés Quorum Avogadas, e do eido a función pública, a representante será Carme Vaquero, funcionaria do Concello de Redondela. Dos sectores produtivos, intervirán Rita Míguez, mariscadora e patroa maior da Confraría de Arcade, e Luz Gómez, horticultora e propietaria de Horta Agrelo de Bueu.
Ao igual que en anos anteriores, e seguindo a recomendación da AELG de contribuír á conmemoración desta data agasallando un libro e unha flor, a todas as persoas que asistan á lectura e que se acheguen ao Pazo provincial durante a xornada do venres entregaráselles un libro da colección Cíes –a colección de poesía da Editorial do Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Editorial-, e unha camelia do cultivar "Rosalía de Castro" procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro.
Relacionadas:
-
'Adiós ríos' de Rosalía de Castro, símbolo de loita contra o transvasamento do Verdugo en Ponte Caldelas
Por Alejandra Iannone |
-
'Rosalíate': unha homenaxe a Rosalía de Castro con representación femenina
Por Alejandra Iannone |
-
Un musical e un obradoiro para lembrar a Rosalía de Castro e a "lingua nai"
Por Redacción |