Pontevedra, segunda cidade peninsular que acolle unha exposición do artista Page Tsou
Por Redacción
O artista taiwanés Page Tsou visitará Pontevedra entre os días 6 e 8 de decembro para intervir na inauguración da exposición Hide- and- seek (O xogo das agochadas). Unha mostra que se atopa estes días no Museo ABC de Madrid e Pontevedra será a segunda cidade en toda a Península Ibérica que reciba a obra deste autor.
A propulsora desta mostra Iciar Izquieta sinalaba que numerosas persoas relacionadas co mundo artístico en Galicia visitarán entre o 7 de decembro e o 14 de xaneiro o Pazo da Cultura para ver os traballos deste autor que ofrece un universo complexo e converteuse nun creador coñecido en España como ilustrador de libros infantís. Page Tsou obtivo numerosos galardóns internacionais como o Premio de Debuxo Man Group ou o Premio Internacional de Ilustración Feira de Bolonia-Fundación SM, ademais traballou con numerosas marcas como Gucci ou Montblanc.
Hide- and- seek (O xogo das agochadas) reúne dez proxectos cun centenar de orixinais do autor. Na presentación que se realizaba desta mostra este mércores no Concello, a concelleira de Cultura Carmen Fouces destacaba a importancia da presenza deste artista nunha cidade que conta coa Facultade de Belas Artes, cun máster de ilustración e co Garaxe Hermético de Kiko Dasilva.
A exposición acompañarase con actividades gratuítas dirixidas ao público infantil e xuvenil. Beatriz Rodríguez, gañadora do Premio Xuventude Crea de Banda Deseñada e Daniel Rodríguez, creador da primeira escola de animación stop- motion en Pontevedra, serán os encargados en realizar unha visita guiada e ofrecer un obradoiro sobre os traballos do artista de Taiwan.
Tamén se desenvolverá outro obradoiro para escolares de 6 a 13 anos a cargo de Iciar Izquieta, profesora de Belas Artes, para elaborar historias baseadas nas obras de Page Tsou. Ademais, van organizarse visitas de centros escolares de primaria e secundaria.
Para apuntarse nestas actividades, a concelleira Carmen Fouces sinalou que se poderá facer a través da web do Concello de Pontevedra.