Formación e lecer para os veciños de Ponte Caldelas a través de oito cursos
Por Redacción
O Centro Cultural de Ponte Caldelas acolle esta tempada a celebración de oito cursos para a veciñanza, organizados dentro da programación cultural do Concello para persoas físicas, asociacións e diversos colectivos do municipio.
Ademais de actuacións musicais, conferencias e presentacións de libros e homenaxes populares, os cursos son un dos principais atractivos do programa.
O goberno local informa de que aínda quedan prazas libres nos cursos de música, tanto na especialidade de piano como na de guitarra. As clases son os luns a cargo de Iván Gulín. A inscrición debe realizarse no Concello durante este mes de setembro.
Tamén quedan prazas libres para as clases de flamenco, que se ofrecen os mércores e venres. A inscrición pode realizarse o vindeiro venres ás 19.00 horas no Centro Cultural. En encaixe de palillos tamén hai opcións de inscribirse o vindeiro xoves 5 ás 16.00 horas do mesmo xeito que sucede co curso de ioga, que se desenvolve todos os martes a partir das 09.30 horas e os xoves a partir das 20.00 horas. Por último, en acordeón, a inscrición debe realizarse o vindeiro martes 12, ás 20.00 horas.
Ademais, o Centro Cultural acolle a actividade de Canto Coral que desenvolve a coral Valdarrosa. Todas as prazas atópanse cubertas como tamén sucede no curso de Bordados. En outubro está previsto que se desenvolva un curso de Memorización e iniciación á lectura subvencionado pola Deputación.