Pasen e lean na Ferrería polo Día Internacional do Libro
Por Redacción & Diego Torrado
Pasen e lean. É un convite e é tamén o suxerente nome elixido pola Concellaría de Cultura e once librarías de Pontevedra para conmemorar o Día Internacional do Libro este 23 de abril. Ben animados polo nome da iniciativa ben polo amor á lectura, os pontevedreses acudiron en masa á cita, convocada na praza da Ferrería e un dos eventos culturais máis concurridos dos últimos tempos na cidade.
Once libreiros poñían a disposición dos pontevedreses as últimas novidades editoriais para que puideran poñer ao día a súa biblioteca ou realizar o típico agasallo de San Jordi, pero a proposta non quedaba aí e parte do éxito radicou, precisamente, no amplo abano de actividades complementarias organizadas, tan dispares como a actuación da contadora Isabel Risco ou un concerto de Flip Corale.
A 'Pasen e Lean' sumáronse na Ferrería as librarías Paz, Seijas, Cronopios, Patakafrita, DLectum, Cao, Aviones de Papel, Nobel, Clip, El Pueblo e Metáfora. Desde as 11.30 horas e coa previsión de pechar ás 20.30 horas -cun descanso de dúas horas de 14.30 a 16.30-, encheron a céntrica plaza de páxinas e de amor polos libros para todas as idades.
Despois da apertura oficial, Raquel Queizás encargouse da primeira das actividades, o contacontos Cocorocó en homenaxe ao libro A Galiña Azul de Carlos Casares. A sesión vermú musical coa actuación da LiliCleta completou a programación da mañá e a tarde comezou cun contacontos a cargo de Polo Correo do Vento. A polifacética actriz galega Isabel Risco co espectáculo Nabiza Girl e o concerto do grupo rock pontevedrés Flip Corale completarán a programación antes de que se baixe o telón.