A escritora Fina Casalderrey inicia os Paseos pola Pontevedra literaria
Por Redacción
Un nutrido grupo de persoas iniciaba este primeiro día de abril a senda de paseos pola cidade que, nesta primeira ocasión, contaba coa escritora Fina Casalderrey como guía de excepción para situar os seus traballos literarios en contornas de Pontevedra.
A actividade iniciábase na praza de Santa María, nas proximidades da Basílica, baixo o título 'Pontevedra, onde o silencio é sonoro'. A visita serviu para que os participantes puidesen ver a cidade desde o campanario de Santa María a Maior e, a continuación, coñecer curiosidades do centro histórico.
Esta iniciativa que xorde da colaboración entre a Asociación de Escritores en Língua Galega e a Concellería de Cultura terá a súa continuidade o sábado 22 de abril co escritor Xosé Monteagudo.
O sábado 29 de abril finalizarán estes paseos con Xosé Vázquez Pintor con Boapedre. Ambas as dúas comezarán ás 11.30 horas e é preciso inscribirse a través do correo: pontevedraliteraria@gmail.com indicando nome completo, teléfono e dirección de correo electrónico.