Xenio, 40 anos de devoción polo teatro en galego
Por Redacción
O teatro non é soamente para grandes auditorios da man de artistas consagrados cun gran caché, tamén nas parroquias e con orzamentos limitados pero con moita ilusión se representan obras importantes. Disto pode dar fe o grupo de teatro Xenio que cumpre o seu 40 aniversario.
Para celebralo o grupo comenzou este domingo un ciclo de teatro cun programa que se vai desenvolver nos próximos meses e que programou varias representacións.
O domingo 15 de xaneiro actuará o grupo de teatro "Lúa Chea" coa obra "Repouso absoluto"; o sábado 21 de xaneiro, o grupo "Tirinautas" interpretará a obra "Xamón-xamón" protagonizada polo coñecido actor da TVG "Isi" e nas vindeiras fins de semana entrarán en escea "O furancho" do grupo "Ibuprofeno Teatro" que recibiu varios premios teatrais entre os que se atopa o prestixioso "María Casares"; a seguinte data será para un musical de público familiar titulado "Os tres porquiños" de Educa Teatro; logo virá "Argallada" coa obra "Queridos Reis Magos" e "Fonte da tella" coa obra "A media luz os tres".
E para poñerlle o broche final a este programa de celebración do 40 aniversario, o propio grupo de teatro "Xenio" fará a estrea dunha nova obra titulada "Dona Micaela", baseada nun conto de Castelao e adaptada ao teatro por Charo Valcárcel.