Alondra Bentley, a dulzura 'british' do folk-pop español, este venres na Sala Karma
Por Alejandro Espiño
ÿ unha das voces femininas máis interesantes do panorama indie actual e poderemos gozar dela en Pontevedra. Alondra Bentley, unha artista británica afincada en España desde hai anos, protagonizará este venres 8 de marzo, ás 22:30 horas, un dos concertos máis agardados da programación do sétimo aniversario da Sala Karma.
Alondra Bentley chega a Pontevedra despois do indiscutible éxito do seu primeiro álbum, Ashfield Avenue (2009), e da doce sorpresa da edición a cargo de Gran Derby Records este pasado verán do disco infantil Alondra Bentley Sings For Children, It's Holidays!, traballos que a situaron como unha das artistas de referencia do momento.
Neste concerto presentará os temas do seu novo disco, The Garden Room, editado o pasado mes de outubro e que, segundo ela mesma destacou, é o traballo máis importante e emocionante que publicou ata a data. Trátase dun disco que fala da familia, do pasado, do futuro e das súas raíces angloespañolas e que se pasea polo folk, o jazz, o blues, o pop e ata o country e o western.
Pero por encima de todo, a voz pura e profunda de Alondra, compositora das dez cancións que conforman o terceiro elepé dunha carreira xa completamente consolidada. Desde o seu debut en 2009, ofreceu máis de 150 concertos en España, Reino Unido e México e participou nos principais festivales do noso país, entre eles, FIB, Primavera Sound, Sonorama ou o Día da Música.
As entradas para asistir ao concerto de Alondra Bentley na Sala Karma, que teñen un prezo de oito euros se se compra de forma anticipada e de dez se se adquire na taquilla, pódense conseguir en Rei Zentolo Pontevedra, Pequeno Karma e na taquilla electrónica de www.ticketea.com e www.entradasgo.com