O pianista canario Iván Martín estreará o piano de cola do Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo
Por Redacción
A Escola Municipal de Música de Sanxenxo conta cun novo piano de cola fabricado en Xapón, para mellorar a calidade das clases desta disciplina que se imparten no Pazo Emilia Pardo Bazán. Para inaugurar o instrumento organizouse un concerto especial que terá lugar este venres 30 a partir das 21.30 horas nas instalacións do Pazo.
O pianista canario Iván Martín será o encargado de ofrecer unha actuación estelar. Este intérprete xa ofreceu durante o pasado verán unha clase cos alumnos da Escola na que explicou algúns dos segredos da súa técnica. Martín é un dos pianistas máis brillantes da súa xeración e ten alcance internacional.
Colabora con practicamente a totalidade das orquestras españolas, ademais das súas intervencións coa Filarmónica de Estrasburgo, Virtuosos de Praga, a Filarmónica de Helsinqui e as Orquestras de París e a Filarmónica de Zagreb.
Compositores como Enric Palomar dedicoulle o seu primeiro concerto para piano e orquestra a Iván Martín, que tamén participa sempre que lle é posible en proxectos con outros artistas e diversas formacións instrumentais.
Desde o Concello piden aos veciños que retiren previamente as entradas no despacho de billetes do Pazo para que se realice un control do aforamento.