Novo certame de relato curto para a comunidade escolar, o berce dos escritores do futuro
Por Anxo Lourido
Escritoras como Luisa Castro ou Paula Carballeira obtiveron o seu primeiro éxito gañando certames de literatura infantil. Toda unha experiencia que a Federación de Nais e Pais da provincia invita a que sexa seguida por toda a comunidade escolar durante este ano.
Por este motivo poñen en marcha o cuarto certame de relato curto coa colaboración da Deputación e do Concello de Pontevedra, ademais da editorial Kalandraka. Representantes destas entidades asistiron á presentación da edición deste ano no Pazo Provincial. Para esta ocasión publicáronse 100.000 marcapáxinas coa intención de, segundo explicou o presidente da FANPA, Rogelio Carballo, que chegue información sobre esta convocatoria a todos os escolares da provincia.
Pola súa parte, o deputado de Cultura, Xosé Leal e a concelleira de Educación do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces, destacaron que este certame pode converterse no primeiro paso para escritores de futuro.
O prazo para presentar os relatos iníciase o 15 de xaneiro e remata o 29 de febreiro. Os premios son, para as catro categorías abertas dun vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada pola ilustradora Belén Padrón. Nesta edición poderán participar, ademais dos escolares de Primaria, Secundaria e Bacharelato; os profesores e os pais e nais, unha demanda que se viña realizando con frecuencia, segundo Rogelio Carballo.
Xosé Ballesteros, editor de Kalandraka, indicou que se publicarán os 120 relatos finalistas nun novo libro que contará cunha ilustración de Belén Padrón e un relato da escritora Premio Nacional de Literatura Infantil, Ledicia Costas.
Aquelas persoas que estean interesadas en participar poden obter información das bases en certame.nontedurmas.org