A vida cotiá, a vista de retranca con Quico Cadaval e Rober Bodegas
Por Diego Torrado
Noites de retranca, considerado como o espectáculo de humor máis visto na historia do teatro galego, volveu a Pontevedra e deixou moi bo sabor de boca. Na noite deste sábado subiron ao escenario da sede de Afundación dous dos cómicos máis populares da escena galega, Quico Cadaval e Rober Bodegas, e ofreceron preto de dúas horas de show baseado no formato de monólogo.
Os protagonistas da noite intercambiaron co público as súas experiencias e as súas impresións sobre os temas que acompañan as nosas vidas cotiás seguindo o mesmo tono dun espectáculo que en cinco tempadas xa sumou máis de 40.000 espectadores.
O espectáculo, que se atopa actualmente na súa quinta edición, foi representado nos principais auditorios e teatros de Galicia así como no Teatro Liceo de Salamanca e o Teatro Casino de Xixón, entre outros.
Na representación xa participaron figuras tan coñecidas como Carlos Blanco, Manuel Manquiña, Camila Bossa ou Cándido Pazó.