Volve o ciclo Imperdibles: The Sonics, o 9 de outubro, primeira banda confirmada
Por Alejandro Espiño
Unha das bandas más respectadas do panorama musical de todo o mundo, The Sonics, será a encargada de abrir a segunda edición do ciclo Imperdibles que, este outono, regresa ao Pazo da Cultura de Pontevedra. Actuarán no auditorio o próximo venres 9 de outubro.
Orixinarios de Tacoma (Washington), The Sonics naceron en 1963 e son mundialmente recoñecidos como a primeira banda de punk, garage, hard rock e alternativa, que sentou as bases para todos os que chegaron despois.
The Sonics era a banda que todo o mundo quería ver, a sensación do momento. O feito de deixar os escenarios tan cedo non evitou que o seu legado continuara vixente durante décadas grazas aos seguidores que difundiron a súa música.
Unha afección que propiciou que a finais de 2007 o grupo decidirá reunirse para ofrecer dous espectáculos nos que esgotaron as localidades. Un retorno que conseguiu que promotores, xornalistas, críticos, festivais e seguidores de todo o mundo gozaran novamente da música dun grupo que durante anos os inspirou.
Un novo disco, This Is The Sonics, cos membros orixinais Jerry Roslie (voz e teclado), Rob Lind (saxo, harmónica e voces) e Larry Parypa (guitarra), xunto ao baixista Freddie Dennis e Dusty Watson á batería, amosa ao grupo na súa mellor forma 50 anos máis tarde.
No seu concerto en Pontevedra estarán acompañados polos galegos The Soul Jacket, que presentan o seu terceiro LP: Black Cotton Limited, un disco redondo, que supera o listón dos seus predecesores e amosa a unha banda máis exposta e inspirada ca nunca.
As entradas pódense mercar xa en Ticketea e nas próximas horas en Ataquilla a un prezo de 25 euros máis gastos de xestión.
A de The Sonics é a primeira confirmación dun evento cultural que naceu o pasado ano, a través da promotora pontevedresa Esmerarte, co propósito de dotar ás Rías Baixas dun ciclo de música internacional. Grazas a el, puidemos gozar das actuacións de Fanfarlo, Zoé, Eli Paperboy Reed, Ana Moura ou Vetusta Morla, todas elas cunha magnífica acollida.
Relacionadas:
-
The Sonics inaugura o ciclo Imperdibles cun concerto para os seus seguidores máis fieis
Por Diego Torrado |
-
Todo a punto en Pontevedra para o primeiro 'Imperdibles': The Sonics e The Soul Jacket
Por Alejandro Espiño |
-
Haberá máis concertos 'Imperdibles' en 2015: o Concello impulsará unha nova edición do ciclo
Por Alejandro Espiño |
-
Eli 'Paperboy' Reed fai bailar a Pontevedra co seu novo son pop e o seu corazón soul
Por Redacción |
-
Pontevedra réndese á 'La deriva' de Vetusta Morla
Por Mónica Patxot & Redacción |