O cosmopolita Macaco deixa paso á actuación de Luz Casal, pendente da chuvia prevista para esta noite
Por Diego Torrado
Daniel Carbonell, coñecido comercialmente como Macaco, presentou o seu último disco, o oitavo da súa carreira, ante o numeroso público que se congregou na Praza de España durante a noite deste martes. Os temas de "Historias tattooadas" nos que emprega, como é habitual no seu estilo, diferentes ritmos e linguas lograron que os asistentes saltasen, bailasen e se divertisen baixo as pautas que marcaba o músico que por terceira vez ofrecía un concerto nas Festas da Peregrina.
O cantante achegouse en varias ocasións ao público, momento que recollían decenas de teléfonos móbiles mentres o reggae, a rumba e o funk que interpretaba a banda do artista barcelonés inundaban o ambiente.
Esta noite está previsto que a cantante de Boimorto, Luz Casal, ofreza un concerto ás 22.30 horas na Praza de España. Non obstante, MeteoGalicia prevé a presenza de chuvia a partir da tarde. Dende o Concello esperarán, como é habitual nestes casos, ata o último momento para tomar unha decisión sobre se se suspende ou non esta esperada cita dunha das voces máis características do pop/rock español.