"Ida", Oscar á mellor película estranxeira, abre unha nova edición do circuíto Cinemas de Galicia
Por Redacción
Sanxenxo volve a ser, por segundo ano consecutivo, unha das vilas galegas que participan no circuíto Cinemas de Galicia, a rede municipal de exhibición cinematográfica impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Entre os sete concellos que forman parte desta iniciativa -en Pontevedra, súmase Redondela- ofértanse case 2.000 butacas en localidades que non contan con salas comerciais.
Cada un dos programadores municipais terá á súa disposición un catálogo de 27 películas, das que 16 son títulos galegos de moi diferentes xéneros e as 11 restantes, producións españolas e europeas avaladas pola crítica e por importantes premios e festivais. Ao tempo, os concellos comprométense a que cando menos a metade dos títulos programados en 2015 sexan de produción galega.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, cualificou Cinemas de Galicia como unha "iniciativa necesaria" fronte ao proceso de concentración e redución das salas cinematográficas comerciais en Galicia. Neste sentido, asegurou que este proxecto está chamado a ir medrando pouco a pouco para acadar, "nun prazo de 4 ou 5 anos", consolidarse como unha rede audiovisual que funcione en paralelo ás salas comerciais.
O vindeiro sábado 28 de marzo ás 21.30 horas dará comezo a programación no Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo con Ida, produción polaca que obtivo o Oscar á mellor película de fala non inglesa. As seguintes proxeccións serán Encallados de Alfonso Zarauza, a francesa Meu deus, pero que che fixemos? de Philippe de Chauveron (9 de maio) e Inevitable de Jorge Algora (6 de xuño).
Todas as películas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibirá a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional.
Así, ademais de promover o hábito de ver cinema en pantalla grande, Cinemas de Galicia funciona como complemento á actual oferta dos circuítos comerciais, así como ao labor de difusión e de creación de públicos que desenvolven os diferentes cineclubs galegos.
Respecto ao seu financiamento, a Agadic asume a metade dos dereitos de exhibición das películas proxectadas nos dous períodos de programación establecidos (do 1 de marzo ao 30 de xuño e do 15 de setembro ao 15 de decembro), mentres que o 50 por cento restante corre a cargo dos concellos, para os que é a recadación íntegra da billeteira. As entradas de Cinemas de Galicia teñen un prezo único de 3 euros.
Relacionadas:
-
Cultura no Camiño encherá a Praza do Teucro con teatro infantil entre o 20 e o 26 de xullo
Por Redacción |
-
"9 ondas" de Simone Saibene, primeira película da rede 'Cinemas de Galicia' en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Sanxenxo aposta polo cine galego: será pioneiro do circuíto 'Cinemas de Galicia'
Por Redacción |