Convocan a XXIII edición do concurso literario Xaime Illa Couto de relato curto, conto e poesía
Por Redacción
O Consello Municipal de Cultura ven de aprobar as bases que rexerán o concurso literario Xaime Illa Couto, que este ano acada a súa XXIII edición. As categorías, modalidades e premios serán as mesmas que nas anteriores edicións.
Este concurso, impulsado e auspiciado polo propio Xaime Illa Couto, pretende dar un novo pulo á potenciación da produción literaria na nosa lingua.
Poderán participar todas as persoas que estean empadroadas no Concello de Poio ou teñan matrícula nun centro educativo do municipio, salvo no caso da categoría de maiores de 18 anos, na que non haberá limitación xeográfica.
Os traballos nas dúas modalidades a concurso -relato curto ou conto e poesía-, teñen tema libre, deberán ser de carácter individual e inéditos e estar escritos en galego, entre outros requisitos.
A data límite de presentación finaliza o 14 de abril, e o xurado -formado polos representantes das asociacións culturais que integran o Consello Municipal de Cultura- reunirase o martes 5 de maio para fallar os premios.
Ao igual que se ven facendo nas últimas edicións, o xurado contará co asesoramento de escritores do municipio para valorar os traballos presentados á categoría de 18 anos en diante, que conta con dous premios de 300 euros para cada unha das modalidades, relato e poesía.
O acto de entrega de premios terá lugar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Centro Cultural Xaime Illa Couto, no transcurso dos actos organizados pola Concellaría de Cultura e pola Sociedade Cultural e Deportiva Raxó para festexar o privilexio e a riqueza de termos unha lingua de noso, destaca a concelleira de Cultura, Silvia Iglesias.