O Café Moderno, máis preto da natureza que nunca
Por Redacción
O Café Moderno, centro cultural da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) en Pontevedra, estará dende este venres ata o 3 de xaneiro de 2015 máis preto que nunca da natureza. Mostrará ao público a exposición 'Fotógrafos da natureza 2014' que inclúe as mellores fotografías do prestixioso concurso 'European Wildlife Photographer of the Year'.
O certame vai máis alá do puramente artístico ao pretender, ademais, fomentar o respecto pola natureza e o necesario coidado con que se debería tratar e, seguindo ese espírito, Afundación acompáñaa dunha serie de visitas guiadas e obradoiros pensados tanto para o público escolar como para os adultos.
O responsable do servizo didáctico de Afundación en Pontevedra, Alberto Blanco, explicou que máis de 400 escolares están xa anotados para participar nas actividades, que se dividen en tres formatos diferenciados en función do público ao que van destinadas. Para os nenos de Infantil e primeiro ciclo de Primaria deseñouse 'Os pingüíns que sabían abrazar' para os os alumnos de segundo ciclo de Primaria e primeiro ciclo de ESO traballarán no obradoiro 'Vida salvaxe' e para os de segundo ciclo de ESO, Bacharelato, ciclos formativos e colectivos de adultos preparouse a didáctica xenérica 'Wildlife Photographer of the Year 2014'.
A responsable de Artes Plásticas de Afundación, Paloma Vela Garicano, presentou este xoves a mostra e as actividades complementarias resaltando que 'Fotógrafos da Natureza' é "unha exposición moi completa" na que as fotografías son "de incuestionable interese", pero igualmente enriquecedores son os textos explicativos e pés de foto nos fotógrafos comentan as anécdotas, as técnicas, as intencións e as curiosidades das súas instantáneas, que "permiten unha aprendizaxe para todos os que nos interesa a fotografía".
Paloma Vela resaltou a calidade das fotos que integran a mostra, á que no ano 2013 un total de 1328 fotógrafos de 39 países europeos presentaron 16.542 imaxes diferentes. Dos 72 seleccionados, 12 son españois e un deles, o galego Luis Manuel Vilariño López, recibiu unha Mención de Honra por unha imaxe sorprendente dunha praia negra en Islandia.
A responsable de Afundación resalta, asimismo, a fotografía gañadora do concurso deste ano, 'Movementos nocturnos', do británico Alenxander Mustard. Por primeira vez na historia do certame, a imaxe gañadora reproduce unha escena submarina. O certame está dividido en diferentes categorías que permiten unha maior representación dos diversos ámbitos da fotografía da natureza: o mundo submarino, aves, mamíferos, outros animais, eloxio das plantas, paisaxes, o home e a natureza, e forma e composición.
Relacionadas:
-
Máis de 3.600 persoas viron en Afundación de Pontevedra as mellores fotos da natureza
Por Redacción |
-
Preto de 1.700 escolares reservaron praza nos obradoiros da exposición Wildlife 2014
Por Redacción |
-
Afundación presenta unha ampla programación de actividades escénicas para escolares de Pontevedra
Por Redacción |