O pontevedresismo desbocado de Bernardo Sartier
Por Oskar Viéitez
O salón de actos do Sexto Edificio do Museo acolleu este venres a presentación do primeiro libro da saga Los días de F. L., do que é autor Bernardo Sartier.
O pontevedresismo desbocado do que fai gala o escritor resulta imposible de conter nunha única entrega polo que o propio Sartier xa "ameazou" cunha segunda parte de "Los días". E logo virán máis...
O responsable dos servizos xurídicos da Deputación abandona o seu despacho na primeira planta da sede provincial para facerse defensor de preitos pobres e reclamar xustiza para "perdedores, perseguidos, antiheroes ou, sen máis, traballadores a secas" da Pontevedra da súa infancia nos anos sesenta e setenta.
Como dixo Alexandre Vórtice "alguén tiña que darlle apropiada homenaxe a certos feitos descoñecidos polo groso da cidadanía".
Quen senón ía acordarse de Crisantito Conachas ou de Lady Fouciños, personaxes sobre os que o propio Sartier escribiu no seu día na súa habitual columna de opinión en PontevedraViva.