Sete linguas repartirán poesía no Obradoiro Internacional de Tradución Poética en San Simón
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Poemas internacionais coas súas traducións volverán invadir a Illa de San Simón en Redondela do 13 ao 18 de outubro dentro da terceira edición do Obradoiro Internacional de Traducción Poética 'Con barqueira e remador', que coordina a poetisa Yolanda Castaño.
Durante este mediodía, presentaron este evento na Deputación Provincial a deputada provincial Ana Isabel Vázquez; os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García; a coordinadora do obradoiro, Yolanda Castaño; o escritor e tradutor Isaac Xubín; o alcalde de Redondela, Xavier Bas e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riviero.
Segundo a organización trátase dunha oportunidade única para achegar ao público galego a obra de escritores procedentes de diferentes puntos de Europa e Asia. Celebraranse dous recitais poéticos, un o mércores 15 na Casa das Campás en Pontevedra e outro o venres 17 no Multiúsos da Xunqueira, en Redondela. En ambos os dous actos, os asistentes poderán disfurtar da lectura de poemas na lingua orixinal do poeta e das versións do texto en galego.
Os participantes deste ano serán Kärlis Verdins, de Letonia; Katerina Rudcenková, da República Chega; Alving Pang, de Singapore; Cosmin Perta, de Romanía; Cahtarina Gripenberg, finlandesa que escribe en sueco; así como Leire Bilbao, do País Vasco; e Marilar Aleixandre, de Galicia, que se encargará da tradución.
Yolanda Castaño resaltou que esta iniciativa é pioneira e única tanto en Galicia coma en España nunha cita na que se emprega o inglés como lingua vehicular entre os participantes e se editará un libro como froito do obradoiro.
Este luns 29 presentarase, precisamente, o libro da segunda edición desenvolvida en 2013. Será no edificio Sarmiento ás 20.00 horas.