O filme francés La lampe au beurre de Yak gaña o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción
A curtametraxe francesa 'La lampe au beurre de Yak' ('A lámpada de manteiga de Yak') obtivo o premio á mellor película na sétima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FIC), levándose os 2.000 euros deste galardón. O produtor desta cinta, Julien Féret, destacou os tres anos de traballo que supuxo esta rodaxe que se finalizou en China con protagonistas tibetanos.
O segundo premio do xurado foi para outra fita francesa, 'La Fugue' ('A Fuga') de Jean-Bernard Marlin mentres que o premio do público foi para a produción brasileira 'Meu amigo Nietzsche', que bateu todos os récords ao alcanzar a mellor das puntuacións outorgadas pola audiencia na historia do FIC.
O mellor traballo galego foi '3-1 =0' do realizador Juan Galiñanes, que destacou a importancia dos espectadores que apoian o cine e este tipo de citas culturais.
A coprodución húngaro-belga 'Lágy Esö' foi outra das triunfadoras ao obter os premios á mellor dirección, fotografía e vestiario, ademais do galardón ao mellor actor que recaeu en Daniel Karesztfalvi. A actriz ÿvelyne El Garby Klaï da curtametraxe francesa 'Au sol' obtivo o premio á mellor actriz.
A gala de clausura arrancou coa proxección dun fragmento da película 'O gran dictador' co chamamento á fraternidade de Charles Chaplin e despois proxectouse un vídeo-montaxe que reivindica unha Palestina libre.
Na edición deste ano, preto de 3.000 persoas pasaron entre o luns e o sábado polo Centro Social do Mar.
Relacionadas:
-
Bueu, o oráculo dos premios Oscar
Por Redacción |
-
O FIC Bueu 2014 baixa o telón coa presenza de cineastas estranxeiros
Por Redacción |
-
Directores galegos e internacionais debatirán sobre o cine no marco do FIC Bueu
Por Redacción |
-
Seis producións internacionais abren con éxito o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Por Redacción |