A tempada teatral pontevedresa arranca con "Cena con amigos", gañadora do Pulitzer no 2000
Por Redacción
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) trae a Pontevedra a produción teatral Cena con amigos, un texto de Donald Margulies merecedor do Premio Pulitzer no ano 2000 dirixido por Daniel Veronese. Na cidade do Lérez, a obra terá lugar no auditorio do Centro Social de Afundación, situado na rúa Augusto González Besada 2, o próximo día 20 ás 20.30 horas.
A obra, ademais de gañar o Pulitzer no ano 2000, foi merecedora do Premio Max ao Mellor Director Iberoamericano, Daniel Veronese; gañou no Festival Nacional Garnacha de Haro 2011 os premios á Mellor Dirección, Álvaro Lavín, e mellor actriz, Gloria López; no Teatro Nacional Cervantes de Bos Aires obtivo o Premio María Guerrero ao Mellor Espectáculo Estranxeiro 2011; e no Teatro Solís de Montevideo foi nomeado como Mellor Espectáculo Estranxeiro 2011.
Cena con amigos é un texto intelixente e tremendamente fermoso, cun humor delicado no que todo se inicia cunha simple cea entre amigos, na que se comparten anécdotas, recordos e viaxes comúns. Pero unha noticia, a ruptura dunha das parellas, comeza a quebrantar a serenidade destas familias economicamente acomodadas, burguesamente constituídas e existencialmente satisfeitas.
A obra é un delicado cuestionamento da hipocrisía familiar
Os efectos da disolución marital fan que se mova todo aquilo que parecía estar no seu lugar. Como pezas dun dominó, a caída traerá aparellada un estoupido que derreterá o cerne diso que parecía tan ben construído. Aquel aparente equilibrio desaparecerá para dar lugar a unha realidade máis cuestionada, como se ao corroerse o veo do natural e cotián nos obrigásemos a indagar non só de quen nos facemos amigos, senón con quen eliximos compartir a nosa vida.
A obra é un delicado cuestionamento da hipocrisía familiar que mira moito cara a fóra e moi pouco cara ao interior. Puidese ser unha comedia romántica na que o espectador non debe agardar un final compracente.
Relacionadas:
-
Levántase o pano en Afundación: "Cena con amigos" abre a tempada teatral de outono en Pontevedra
Por Redacción |
-
Afundación trae a Pontevedra "Os tres porquiños", unha adaptación musical desta fábula clásica
Por Redacción |
-
Concha Velasco, Asunción Balaguer e María Adánez, apostas teatrais de Afundación para este outono
Por Alejandro Espiño |