A pintora Olga Varela amosa as súas paisaxes na Casa de Cultura de Ponte Caldelas
Por Redacción
A pintora Olga Varela Pérez, artista viguesa aficanda na Lama, inauguraba este luns na Casa da Cultura de Ponte Caldelas unha exposición formada por obras pintadas en acrílico con temática paisaxística entre as que destacan varios temas mariñeiros e a recreación de lugares da contorna do río Verdugo ao seu paso polos distintos municipios polos que discorren as súas augas.
A mostra contén varias obras inspiradas en espazos do municipio de Ponte Caldelas. O alcalde, Perfecto Rodríguez, acudiu ao acto de inauguración e destacou a creatividade da artista.
Olga Varela conta con formación académica na Escola de Artes e Oficios de Vigo que completou con diversos cursos realizados no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO). A pintora participou en certames como a Bienal Laxeiro, Agro de Bazán e o Maratón de Pintura de Bouzas.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 5 de setembro en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.30 a 21.00 horas.