"Noites de música antiga" cambia as Ruínas de San Domingos polo Sexto Edificio do Museo
Por Redacción
O ciclo de Noites de música antiga, que se celebraba habitualmente nas Ruínas de San Domingos, cambia de escenario. A súa sexta edición, que terá lugar este fin de semana, trasládase ao Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Trátase dun cambio temporal, sinala a Deputación, motivado polos traballos de consolidación que se está a realizar no emblemático conxunto medieval.
O primeiro concerto celebrarase o venres 4 de xullo ás 22.00 horas. Correrá a cargo do dúo formado por Emilio Villalba e Sara Marina, que ofrecerán un espectáculo denominado O Doncel do Mar: melodías medievais dende Istanbul á Costa da Morte.
Emilio Villalba, especializado en instrumentos de cordas medievais, interpreta música antiga dende hai máis de 10 anos; mentres que Sara Marina, pianista na súa formación clásica, é intérprete e investigadora de percusións tradicionais no mundo antigo.
O segundo dos concertos deste ciclo de Noites de música antiga será o sábado 5 de xullo, tamén ás 22.00 horas. Neste caso, o artista invitado é José Luis Pastor, considerado un dos máis grandes especialistas na corda pulsada medieval. ÿ profesor Superior de Guitarra Clásica polo Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo (Sevilla) e interesado pola música antiga, levou a cabo estudos en España, Francia e Italia.
Actualmente realiza un intenso labor de investigación sobre os instrumentos medievais de corda pulsada, dos que posúe unha colección de sete exemplares. A súa actividade concertística está compaxinada coa docente nos centros de ensino musical.
Ambos os dous concertos son de entrada gratuíta ata completar aforamento.