César Portela apadriña 'Paisaxes na memoria', a mostra da artista pontevedresa Amelia Palacios
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A artista pontevedresa Amelia Palacios presenta na Sala de Exposicións do edificio da Xunta de Galicia en Campolongo unha mostra que leva por título 'Paisaxes na memoria'. Na mañá deste xoves 5 inaugurábase esta mostra coa presenza do premiado arquitecto pontevedrés César Portela.
A pintora levaba dous anos sen expoñer en Pontevedra e durante este período evolucionou nos seus proxectos artísticos coa utilización de formatos de maior tamaño e explorando novos terreos. Palacios explica que a nostalxia e a melancolía forma parte das súas obras: "Pinto dende o recordo imaxes imprecisas, borrosas, distorsionadas pola miña mala memoria. Os grises e azuis que utilizo son cores apagadas, veladas da memoria".
Filla do pintor Álex Vázquez, Amelia Palacios asegura que as súas obras son paisaxes íntimas, fugaces e cotiás. A mostra permanecerá aberta ata o 26 de xuño en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a sábado e de 19.00 a 21.00 horas de luns a venres.