Volve Surfing the Lerez: Novedades Carminha, Los Coronas ou The Dustaphonics, o 14 de xuño
Por Redacción
A Illa das Esculturas converterase, por segundo ano consecutivo, no escenario que acollerá o festival Surfing the Lerez. Será o próximo 14 de xuño cando se celebre a cuarta edición dun evento que se consolidou xa na oferta cultural da cidade de Pontevedra. E para iso, os seus organizadores están a ultimar un amplo programa de actividades que se desenvolverán entre as doce da mañá e as doce da noite.
O principal atractivo volverá ser, un ano máis, os concertos. Este xoves déronse a coñecer os primeiros nomes dun cartel que promete atraer, ao igual que na pasada edición, aos amantes da boa música. Los Coronas, os ingleses The Dustaphonics e os galegos Novedades Carminha e Furious Monkey House son as catro bandas confirmadas ata o momento.
Los Coronas, grupo de culto na escena rock instrumental, volven a Pontevedra para presentar os seus últimos traballos Adiós Sancho e o EP El extraño viaje, editados o pasado ano; mentres que The Dustaphonics é un grupo londiniense que fusiona influencias tan diversas como soul, rocksteady, afrobeat, samba, R&B, boogaloo, música latina ou surf, entre outras, combinadas cunha máis liña electrónica. Presentarán London Town, o seu último disco.
Novedades Carminha chega con Juventud infinita, un álbum editado o pasado mes de marzo e co que dá un salto cualitativo na súa carreira, apostando por un son no que a contundencia do garage dáse a man cun pop máis pegadizo con tinguiduras de psicodelia e punk. E por último, veremos en acción a Furious Monkey House, unha banda pontevedresa formada por nenos de nove anos e que está liderada por Gonzalo Maceiras.
A entrada para asistir ao festival volverá ser gratuíta, aínda que nesta ocasión os asistentes terán que achegar algo de comida non perecedoira que, posteriormente, se entregará a entidades benéficas. Haberá dous postos habilitados á entrada do recinto para recoller as doazóns que realicen aqueles que queiran acudir a Surfing the Lerez.
Espérase que en próximas semanas se coñeza o nome de máis artistas invitados e das actividades complementarias que formarán parte da programación dun festival que, se ben o ano pasado optou por unha temática relacionada co surf, nesta ocasión estará ambientado no espazo exterior.