O Liceo Casino bailará ao ritmo do swing da Krazzy Kray Big Band
Por Redacción
O xoves, 24 de abril, o Liceo Casino bailará ao ritmo do swing da Krazzy Kray Big Band.
Esta formación nace da idea de José María Pazos de xuntar unha serie de amigos e coñecidos do sector da música nun proxecto diferente, facendo honra a unha banda dos anos 60 de Castrelo, Cambados, cuxo nome se toma prestado. Un dos seus membros forma parte na actualidade do elenco de músicos que compoñen esta nova big band.
Formada por 20 compoñentes, todos profesionais do sector da música, conta no seu repertorio con temas clásicos do swing americano dos anos 40 e 50, xunto con bandas sonoras de destacadas películas e tamén algún que outro tema latin.
Foron varios anos de fraguarse este proxecto, xunto con moitas horas de ensaio e esforzo persoais para poder chegar ao gran momento desta presentación oficial, e aínda que non deixa de ser un hobbie, leva moito do corazón de cada un dos membros que a compoñen.
O denominador común de todos eles é o amor á música e poder compartila con todos os que teñen o mesmo sentimento cara a ela.