"A era das fábulas", a exposición coa que o Museo quere ser un "faro de cultura"
Por Alejandro Espiño
A que, segundo os responsables do Museo de Pontevedra, é a exposición "máis ambiciosa" que se organizou na cidade nos últimos vinte anos, está a piques de abrir as súas portas. Será este mércores 10 de xullo, a partir das seis da tarde, cando se levante o pano de A era das fábulas.
Obras de Picasso, Miró, Dalí, Kandinsky ou Maruja Mallo son só algunhas das pezas que se poderán contemplar nesta mostra, que se poderá visitar ata o 29 de setembro e que explora en tres actos, vinculados co mar, coa terra e co aire, o poder rexenerador da fantasía.
Así o destacou na súa presentación Chus Martínez, comisaria da TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary, unha das tres entidades que cederon obras de arte para este proxecto expositivo, xunto co propio Museo de Pontevedra e a Fundación María José Jove.
"É unha mezcla de tres coleccións que se as mirades cartesianamente teñen pouco que ver entre elas pero que se se miran desde o punto de vista da intelixencia contemporánea provocan ideas novas a través deses diálogos", subliñou Martínez.
A través do encontro entre pezas artísticas dos séculos XX e XXI cos fondos artísticos, arqueolóxicos e etnográficos do Museo de Pontevedra, a exposición quere facer ao espectador partícipe dunha conversa sobre o estado do mundo, do clima ou da situación social.
Deste xeito, a mostra vira ao redor das narrativas ficcionadas, esenciais para comprender a realidade, e da plasticidade das fábulas e os contos, que permiten preservar identidades culturais e imaxinarios populares, conectarnos coa natureza e estimular a imaxinación.
A primeira sala correspóndese co acto I: "Imaxinación-mar", na que as tradicións e as prácticas mariñas, con frecuencia unidas ao risco de perder aos nosos seres queridos, son o berce de fábulas e contos orientados a chegar a unha relación de harmonía co océano.
Neste acto a conversa establécese entre as obras de Maruja Mallo, Pablo Picasso, Anselm Kiefer, Dicen Matamoro, Noa & Lara Castro, Teresa Solar, Himali Singh Soin, Inês Zenha, Sonia Levy, Castelao o Francisco Vázquez Díaz 'Compostela'.
O acto II, 'Transformación-terra', achégase á terra, a agricultura e os seus mitos, defendendo que a labranza como práctica, a supervivencia ou o clima son aspectos primordiais para entender non só o pasado senón tamén o noso presente.
Nesta segunda sala aparecen as obras de Miquel Barceló, Joan Miró, Salvador Dalí, Menchu Lamas, Cristina Iglesias, Antony Gormley, Eugenio Granell, Fernand Léger, Manuel Moldes, Rubén Santiago, Nora Aurrekoetchea, Misha Bies Golas, Kiko Pérez, Sandra Le, Castelao, Manuel Moldes, Arturo Souto ou Mathias Withoos.
O terceiro e último acto da exposición leva por título 'Renacemento: aire' e céntrase na relevancia da oralidade na transmisión da cultura, a partir da importancia que o medio aéreo ten e tivo para a comunicación, especialmente no caso de Galicia pola súa orografía complexa.
As obras das coleccións particulares de Jorge Barbi e Mariña González Guerreiro ou as de Pablo Picasso, Georg Baselitz, Wassily Kandinsky, Luis Gordillo, Mercedes Azpilicueta, June Crespo ou Belén Rodríguez dialogan coas máscaras de Castelao para "Os vellos non deben de namorarse".
"Formar unha fábula plástica a través das tres coleccións é algo que non se fixo moito", engadiu Chus Martínez, que reiterou que a idea era "partir de tres familias que pouco teñen que ver entre si pero que ao poñelas conxuntamente deron un universo que é un modelo para a sociedade".
Pola súa banda, Susana González, directora da colección de arte da Fundación María José Jove, destacou que a arte "ofrece un espazo de absoluta liberdade para imaxinar realidades alternativas" e A era das fábulas pretende "traspasar límites e xerar outros relatos imaxinativos".
A terceira comisaria e directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, sostivo ademais que a pesar de que a exposición mostra creacións de épocas e contextos culturais moi diversos "ofrecen lecturas renovadas cando conversan entre si".
Relacionadas:
-
Os obradoiros "Art Lab" achegarán aos nenos á exposición 'A era das fábulas'
Por Redacción |
-
Comezan as visitas guiadas á exposición 'A era das fábulas' no Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Museo convida á cidadanía a explorar a súa creatividade sacando á rúa 'A era das fábulas'
Por Oskar Viéitez |
-
Inaugurada 'A era das fábulas' no Museo: “A mellor exposición dos últimos vinte anos”
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A Bienal, a apertura dos xardíns de Santa Clara e avanzar na reforma dos edificios centrais do Museo, retos de Rafa Domínguez
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Este verán será "a era das fábulas" no Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra presenta unha "ilusionante" programación para 2024 con dez exposicións
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |