A exposición 'Illadas' retratará no Palacete das Mendoza a paisaxe e a natureza das illas da provincia
Por Redacción
O Palacete das Mendoza acollerá a partir deste venres 5 de xullo a exposición 'Illadas', baseada nun proxecto de El Patito Editorial que recolle ilustracións arredor do patrimonio insular da provincia de Pontevedra.
A exposición pode visitarse no horario habitual de verán da sala de exposicións do Palacete, sede de Turismo Rías Baixas. De luns a venres, ten horario continuo de 9:00 a 21:00 horas e os sábados, domingos e festivos abre entre as 10:00 e as 14:30 e entre as 16:30 e as 20:00 horas. Estará aberta un mes, ata o 5 de agosto.
Comisariada por Gemma Sesar, esta mostra amosa o traballo artístico realizado por Pablo Rosendo, Maru Godás, Marielle Durand, Tazab, Federico Granell e Branca Escrigas no marco da colección de libros publicados pola editorial baixo o mesmo nome.
'Illadas' contén acuarelas sobre as illas de Ons (Rosendo), A Toxa (Godás), A Illa de Arousa (Durand), Cíes (Tazab), San Simón (Granell) e Tambo (Escrigas) para poñer o foco nese patrimonio insular que se foi abrindo ao público nos últimos anos para se sumar á oferta turística da provincia.
Os seus traballos son froito de residencias artísticas que realizaron os propios ilustradores e escritores durante unha semana, deixándose levar polo espazo e polas súas experiencias durante ese tempo para recoller as súas viaxes persoais nunha serie de obras nas que o texto e as ilustracións acadan o mesmo peso.
Desde a Deputación Provincial explican que esta exposición, na liña da campaña '100% Rías Baixas' coa auga como protagonista, retrata a paisaxe e a natureza das illas da provincia para poñer en valor e achegar ao público estes enclaves emblemáticos das nosas costas.
Relacionadas:
-
Xa se pode visitar a exposición "Obra incompleta" de Fernanda Fernández
Por Redacción |
-
Abre no Palacete das Mendoza a exposición “Música e pintura” de Alfonso Deus
Por Redacción |
-
O Palacete das Mendoza presenta a mostra "Cor e vida" da pintora Soco Vara de Rey
Por Redacción |
-
'Hojas de hierba', un eloxio á sinxeleza do pintor J.C. Vilar no Palacete das Mendoza
Por Redacción |