Un encontro con Omar Banana complementará as proxeccións da cuarta edición de Ambienta
Por Alejandro Espiño
Cinco días de proxeccións e un encontro co actor Omar Banana. Así regresa a Pontevedra a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+, que celebrará a súa cuarta edición entre os días 24 e 28 de xuño. Farao nun novo espazo, no Teatro Principal.
A programación desta cuarta edición de Ambienta comezará o luns 24 de xuño coa intervención de Nuria Vil, María Lado e Lucía Aldao e cun coloquio con Angelly Ferreiro, educadora social e activista antirracista.
Ademais, estrearase a curtametraxe Delincuente, de Alba Domínguez, que recupera a historia da Maradona, a líder dunha banda de delincuentes xuvenís que operaba en Vigo entre finais dos anos 70 e principios dos 80.
O martes 25 proxectarase a película Te estoy amando locamente, dirixida por Alejandro Marín, ambientada nos inicios do movemento LGTBI andaluz. O seu protagonista, o actor Omar Banana, que foi nomeado aos Goya e aos Feroz por este filme, manterá un encontro co público.
A película francesa O descoñecido do lago, de Alain Guiraudie, é a elixida para exhibirse o mércores 26 de xuño. O filme, un thriller de corte erótico, narra a relación que inician dous homes que se coñeceron nunha praia nudista a beiras dun idílico lago.
Slow, obra da directora lituana Marija Kavtaradze, poderase ver o xoves 27. É unha historia de amor, sen sexo, entre unha bailarina e un intérprete de signos, un retrato da asexualidade que irradia intimidade, tenrura e comprensión.
A última xornada de Ambienta estará dedicada, como é habitual, á proxección de varias curtas. Así, o venres 28 exhibiranse Shee, de Lia Campbell; Habitar, de Anxos Fazáns; Will you look at me, de Shuli Huand; e Maurice's Bar, de Tom Prezman e Tzor Edery.
As proxeccións programadas comezarán ás oito e media da tarde e a entrada é libre ata completar aforo.
Toda a programación desta cuarta Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ conta coa colaboración do Cineclube Pontevedra, o FICBueu e o colectivo Avante LGBT.