Once espectáculos integrarán "Zona de obras", o ciclo de artes escénicas de Poio
Por Redacción
Propostas para todos os meses do ano e que se representarán de xeito itinerante por todo o municipio. Iso é o que ofrecerá o Concello de Poio con "Zona de obras", un novo ciclo de artes escénicas que será un dos eixos da programación cultural do municipio.
O ciclo ofrecerá unha oferta "ampla, variada, atractiva", segundo destacaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e representantes das entidades locais que colaboran, SCD Raxó, SCD Samieira, AAVV A Laxe, AXCD Combrus, AAVV Lourido e a comisión de festas de San Salvador.
"Zona de obras", subliñou Moldes, "é unha chamada de atención, un convite para adentrarse en novos xéneros e espertar o gusto por novas propostas, como o teatro clásico, a narración oral ou o circo", cubrindo a demanda de eventos culturais que hai no municipio.
A programación estréase este domingo no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, ás 18:00 horas coa obra Estrafalaria, de Xarope Tulú. É unha historia de personaxes pintorescos ás que lles acontecen sucesos extraordinarios que está destinada para o público familiar.
O grupo de teatro de Poio, Moura Teatro, ofrecerá o venres 10 de maio a obra A Lavar Colón, dirixida por Miro Magariños, na Praza de San Roque, en Combarro. Tamén en maio, o sábado 18, no Xaime Illa, será a quenda de Ste Xeito Producións coa comedia Running.
No mes de xuño, o ciclo trasládase o 24 de xuño ao Parque da Memoria, en San Xoán, con Henriko o Feiticeiro, de Simplemente Enrico, un espectáculo para toda a familia.
Agosto comezará con Superharte, un espectáculo para toda a familia da clown Patty Diphusa, o día 2 no parque Costa Xiráldez, en Lourido. O luns 5, o Asacocirco Show chegará ao Adro de San Salvador e xa o 25 será a quenda de Cirkompacto, con Hell Brothers, na Praza da Chousa.
O espectáculo Máis Saaabor!, de Culturactiva Producións, poderase ver o 14 de setembro na Praza da Granxa, en Campelo. É unha proposta cómica, que mestura música en directo, maxia, humor e moito ritmo para público infantil e familiar, dirixida por Avelino García.
En outubro, será a quenda de AsSircópatas, con Rogelio La Fête na comunidade de montes Río de Bois, en Samieira. Dirixido por Natalia Outeiro Pajarito, é un espectáculo de risas para toda a familia, con clown, corda frouxa, malabares, música e moito humor.
Teatro da súa vila, con Saco Roto, será o 9 de novembro no Palacete de Besada. É unha obra de teatro, con música en vivo, dirixida por María del Carmen Teresa de la Fuente, que representan tres xeracións desde principio do século XX.
E, por último, o 21 de decembro, será a quenda de As máscaras de Ibáñez: o Marqués de Sargadelos que nunca foi, de Avelaíña Teatro, unha obra dirixida para o público adulto que se representará no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó.
A duración de cada peza será de 50-90 minutos, porque a finalidade é adaptalas á singularidade de cada localización do municipio. As entradas son de balde e poden retirarse o propio día do espectáculo, desde unha hora antes do inicio do evento no propio espazo no que se desenvolvan e ata completar aforo.