'Jazz no Principal' seguirá a promover a canteira musical na súa vixésima edición con Joan Terol e Gorka Benítez
Por Anxo Lourido
Seguindo a filosofía de unir a artistas profesionais con novos valores musicais, chega no mes de abril a vixésima edición de Jazz non Principal.
Nesta ocasión ofrécense dous concertos correspondentes ao batería catalán Joan Terol e ao saxofonista vasco Gorka Benítez, referentes no jazz actual.
Eva Vilaverde, tenente de alcalde, e Luis Carballo, representante do Seminario Permanente de Jazz, presentaban este ciclo de concertos que chegan, como sempre, acompañados de talleres formativos abertos a toda a cidadanía.
A primeira cita será o sábado 6 de abril ás 21.00 horas. Joan Terol actuará acompañado por Alberto Rodríguez, saxo tenor; Javier Abraldes, guitarrista pontevedrés; Daniel Corral, pianista de Ponteareas; e Paco Charlín ao contrabaixo.
Terol leva ao redor de cincuenta discos gravados e tocou nalgúns clubs e festivais de jazz internacionais máis importantes con músicos do prestixio de Benny Golson, María Schneider; Grant Stewart ou Carla Cook. Ademais de asistir a clases maxistrais de Bobby McFerrin, Elvin Jons ou Bill Stewart.
Tamén foi premiado con diferentes formacións en Dutch Jazz Competition, The Records Award ou os Premios Enderrock, entre outros. Ten unha ampla traxectoria como docente e, na actualidade, é profesor no Conservatorio de Música de Reus.
Pola súa banda, Gorka Benítez subirá ao escenario do Principal o sábado 20, ás 21.00 horas. O saxo tenor estará acompañado pola voz de Helena Pardo; polo saxo alto #Luis Felipe Fernández; os guitarra Fernando Blanco e Mauro Tissone; o pianista Jorge Ruiloba; Lolo Martínez á tuba; e Alberto López á batería; todos eles novos valores do jazz galego que se forman no Seminario Permanente de Jazz.
O músico vasco formado en Cataluña e en Nova York suma numerosos galardóns da Asociación de Músicos de Jazz e Música Moderna de Cataluña. É fundador de Simbiotiz-Art e é un habitual de festivais e ciclos de jazz europeos. A súa discografía é moi ampla con traballos como 'Indolents', 'Ugrix', 'Mosaico Nonet ou o DVD 'Gorka Benítez'.
A entrada para ambos os concertos ten un prezo de tres euros. A venda anticipada de entradas dispoñible en Ataquilla e no teléfono 902.504.500. Tamén se venderán unha hora antes de cada concerto no despacho de billetes do Teatro Principal.
Luis Carballo agradecía a aposta do Concello de Pontevedra polo jazz e pola formación de músicos. "Cando comezamos era arriscado pero dá os seus froitos", manifestou sinalando que a maioría do medio milleiro de estudantes que pasaron polo Seminario Permanente de Jazz son músicos que publicaron traballos discográficos, dirixiron festivais de jazz ou son docentes en diferentes puntos do Estado.
"É un seminario que se toma como punto de partida para despois continuar en ciclos superiores", explicaba para apuntar que tamén forman parte do Seminario músicos que buscan estar en contacto coas actuacións en directo.
Os obradoiros que ofrecerán Terol e Benítez este ano desenvolveranse no antigo conservatorio de música, na rúa Alfonso XIII, en horario de 11.00 a 14.00 horas os días do concerto. A entrada é libre para toda a cidadanía e entregarase un diploma acreditativo a todas as persoas asistentes.
Eva Vilaverde tamén destacou que "estamos realmente orgullosas" no Concello do traballo que se realiza no Seminario como canteira de jazz.