Crúas, Cuarteto Vagalume e Manuel Morales e Raúl Rodríguez farán vibrar "o son do piano" no Museo
Por Anxo Lourido
Ao redor do piano de cola do Edificio Castelao do Museo de Pontevedra van desenvolverse nos próximos días os tres concertos en formato acústico que forman parte do ciclo 'O son do piano'.
Este martes 5 de marzo está prevista a actuación do dúo Crúas, formado por voz e piano que adapta a palabra de poetas galegas con música íntima e delicada.
Alba Ermida Area é a cantante e clarinetista do dúo, mentres que Iria San Marcial é a pianista que actualmente estuda jazz no Seminario Permanente de Pontevedra e investiga sonoridades electrónicas noutros proxectos persoais.
O venres 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, o Cuarteto Vagalume presenta o espeectáculo 'Ausencias. Unha viaxe pola música en feminino'.
Trátase dun concerto en formato didáctico cun percorrido da historia musical a través de compositoras de diferentes estilos e épocas, desde Maddalena Lombardini e finalizando con novas promesas da escena contemporánea de Galicia coas compositoras Irene G. Magaña e Alicia García Tojeiro.
O Cuarteto Vagalume está integrado por catro intérpretes da provincia de Pontevedra con formación en conservatorios superiores e unha ampla experiencia. Elas son Sabela Senn Loyoza (Pontevedra, 1992) ao violín, Vania Collazo Pequeño (Vigo, 1990) tamén ao violín, Irene Portela (Pontevedra, 1998) a viólaa e Rubén Canedo Silva (Berna, 1999) ao violoncelo.
O ciclo finalizará o martes 12 de marzo cunha actuación do flautista Manuel Morales e o pianista Raúl Rodríguez que ofrecen o espectáculo 'Música, onte-hoxe...' onde ofrecerán unha perspectiva de compositores de distintos períodos a través da frauta e o piano.
Todos os concertos comezarán ás 19.00 horas e a entrada ao Edificio Castelao é libre.