Javi Maneiro: "O que me gusta da carreira en solitario é que podo facer o que queira. Romper a monotonía"
Un bonito despertar é o cuarto disco de Javi Maneiro (A Pobra do Caramiñal, 1973), un músico que demostrou ser moito máis que o vocalista de Heredeiros da Crus. O público pontevedrés poderá comprobalo este sábado 2 de marzo (20:00 horas) no Teatro Principal.
Xa recuperado plenamente do accidente cerebrovascular que sufriu nun dos concertos coa súa banda, alá por agosto de 2022, Maneiro volveu á estrada cun disco que, dalgunha maneira, resultou ser premonitorio, como el recoñece nesta entrevista con PontevedraViva.
Falamos con el deste novo álbum, dos máis de trinta anos que levan dando guerra Heredeiros da Crus ou do "momento brillante" que, ao seu xuízo, está a vivir a música galega. "Non pasaba desde o Xabarín Club", afirma un dos seus máximos expoñentes.
Despois do que che pasou, Un bonito despertar parece un título perfecto para un disco
Foi unha auténtica casualidade. Iso pasou antes. Eu quería facer un disco e pregunteille á banda se polo trinta aniversario de Heredeiros iamos facer algo. Dixéronme que non, que como moito sacar un single ou facer unha xira. Pero gustábame a idea de facer un agasallo aos seguidores. Aos de Heredeiros, aos da miña carreira en solitario e aos de Jabón Blue.
Empecei a facer o disco en galego a finais de 2021. Metinme na casa nas vacacións da fábrica. Na miña vida escribín algo tan rápido. Despois chegou a xira con Heredeiros e en agosto foi cando pasou todo. Xa tiñamos en mente que o disco se ía a chamar Un bonito despertar, porque era a canción que máis me gustaba. Esa idea de fuxir da escuridade cara á luz.
Tanta coincidencia asusta un pouco, non?
Cando me espertei no hospital e volvín a casa, empecei a ver as letras. Unha amiga díxome dáste conta de que todo o que escribiches é o que che pasou? Foi premonitorio. Se analizamos os temas, é coma se fora o camiño de por que unha persoa dá un cambio na súa vida. No meu caso, porque o corpo díxome para. Xa viña xestando desde dentro esa necesidade de cambio.
É coma se a mente xa che estivera avisando...
"Cando o corpo dáche unha serie de sinais tes que pensar seriamente en parar. A min saíume todo como un volcán e rebentoume a cabeza"
Si, eu creo que algo diso hai. Teño que falar con alguén experto para explicarlle todo e saber se o proceso que a min me pasou ten algún por que. É estraño. Todo o mundo pensa que o disco foi escrito a posteriori. Pero non, foi feito antes. Por iso esta xira para min está a ser a leche. Tiña a necesidade de volver sentir cousas cando canto.
Dirías que este é un disco máis serio e máis profundo que os anteriores?
Se o analizas agora, si. É máis profundo á hora de analizar a vida ou certo tipo de sentimentos. Como en Un bonito despertar, cando falo de que é necesario rir dun mesmo ou que o libro da miña vida non o escriba ninguén. Hai unha especie de revolución interna moi grande. Saíu todo como un volcán e rebentoume a cabeza. Esta é unha boa explicación.
Do accidente que sufriches, te refires?
Había algo tan grande dentro de min que saíu para fóra e fíxome rebentar unha vea na cabeza, provocarme un sangrado e case matarme. Pero naceu de min en primeira persoa. Mólame que no fondo o disco ten un significado de luz, de cambio. De que é necesario mirarse a un mesmo e cambiar. Ver se realmente estás a gusto co que fas ou se o podes facer mellor.
Considéraste afortunado?
Desde logo. Teño amigos que non tiveron a sorte que tiven eu de estar perfecto. Quedaron con secuelas e iso si que é unha putada. Eu estiven a apertar moito tempo. Coa fábrica, con Heredeiros... iso foi parte do problema. Cando o corpo dáche unha serie de sinais e tes problemas de estrés ou de ansiedade tes que pensar seriamente en parar.
E agora que estás recuperado. Tes ganas de subir aos escenarios?
Este concerto en Pontevedra é o último da xira de presentación, pero teño ganas de que sexa o primeiro de moitísimos máis. Vimos cunhas ganas enormes e coa banda rodada de seis concertos. Soamos mellor que nunca. Temos o concerto moi ben matizado. Co tempo que levo na música, necesitaba este nivel de profesionalidade.
Dixeches nalgunha ocasión que xa non te sentes capaz de escribir para Heredeiros. Por que?
"Cústame moito traballo escribir para Heredeiros. Non me sinto cómodo. Prefiro seguir facendo ben o meu traballo, que é cantarlle á xente encima do escenario"
Cústame moito traballo. Non me sinto cómodo. Xa non teño vinte anos e cando intento retraerme a esa época, resulta que non é a mesma forma de vivir dos que teñen agora esa idade. Agora hai outra forma de vivir e de falar. Cambiou todo moito. Cústame escribir sen verdade. Parto sempre da miña forma de ver as cousas ou de sentilas. E de expresalo á miña maneira.
Pasouche que algunha canción túa non encaixase coa banda?
Pasoume con Corasón de carballo. Estivemos anos e medio sen tocala. Dicían que non tiña nada que ver coa banda. Que era moi bonita pero que nin a melodía nin a letra era o noso estilo. Ata que me plantei e dixen que había que tocala. Á xente estaba a gustarlle moito.
Ao final, foi o exemplo claro de que non é bo que nun disco haxa unha diferenza tan grande á hora de escribir. Que se note moito. É malo para a identidade do grupo. É mellor que a persoa que escribe para o grupo o siga facendo, tentando axudarlle desde fóra, a que realmente haxa temas tan dispares que máis que un disco pareza unha ensalada.
Xa non escribirás entón máis cancións para Heredeiros da Crus?
Ou aparece unha inspiración e xorde unha canción que poida encaixar ou prefiro estar afastado de escribir. Prefiro seguir facendo ben o meu traballo, que é cantarlle á xente encima do escenario. Non son capaz de entrar na tesitura de compoñer para o grupo.
Esa necesidade satisfaina a túa faceta en solitario?
Si. E iso tamén é bo. Ao final, somos cinco tíos con personalidades moi distintas. Co paso da idade, as nosas personalidades fórxanse máis. Pode chegar a un punto que sexa moi fácil traballar contigo ou que sexa peor que nunca. É moi complicado. Teño que dar grazas a deus por levar tantos anos e seguir xuntos.
Ao final poder evadirte un tempo con proxectos paralelos tamén axuda á saúde da banda
E a nivel musical, claramente ensínanos a todos a crecer como músicos. Así, cando despois nos xuntamos como banda, somos moito máis profesionais.
E despois de máis de trinta anos na música, que che queda por facer?
Pois non sei. O que me gusta da carreira en solitario é que podo facer o que queira. E pódoo facer no momento que queira e segundo eu estea. Esa liberdade non cha dá un grupo porque temos un camiño. Hai que ir case co piloto automático. Non podes desviarte moito dese rumbo porque é moi arriscado. O público espera certas cousas de ti.
Sexa como sexa, entendo que sen perder a túa personalidade...
Xamais. Agora que hai tanto nivel musical e grupos que fan cousas incribles, o único factor diferenciador é a personalidade do artista. Prefiro manterme nese camiño. Romper esa monotonía e facelo con ganas. Se fas sempre o mesmo é coma se estiveses nunha fábrica. Trátase de facer algo bonito, que che guste. Probar. Eu prefiro máis o artesanal que o industrial.
Esperabas que Un buen despertar tivese tan boas críticas?
"Estamos nun momento brillante para a música galega. Está a pasar do Padornelo música en galego. Iso non pasaba desde o Xabarín Club"
O que me estou dando conta é do difícil que é darlle visibilidade a un disco. Hai moitísima información. Pero si, asómbrame que á xente estea a gustarlle tanto. E realmente o que máis me gusta a min, é que está a gustar a calidade das letras e a sinxeleza da música. O bonito que soa todo. E logo imos ao directo e sorpréndense máis. Soa aínda mellor que o disco.
Ou sexa, a xente que vaia a vervos en Pontevedra vai gozar, non?
Eu creo que si. Como che dixen antes, a banda está moi rodada e temos moita fluidez tocando. Cando empezas a rodar con calquera banda, sempre hai nerviosismo. Agora xa nos miramos e sabemos o que queremos dicir. Divertímonos moito. E iso é o que se transmite á xente. É hora e media na que vas ver algo que che permite desconectar de todo.
Antes de despedirnos déixame preguntarche unha cousa máis, como ves o momento actual da música en Galicia?
Estamos nun momento brillante para a música galega. Está a pasar do Padornelo música en galego. Iso non pasaba desde o Xabarín Club. Houbo artistas que sempre estiveron aí dando caña como Mercedes Peón e Guadi Galego, pero pouco máis. Pero veu a explosión das Tanxugueiras, que axudou moito a que todo o mundo acolla o galego como algo seu.
Antes ías a Madrid e o teu público era todo galego. O bonito é ir tocar fóra e que a xente senta curiosidade de ir ver. Hai moita calidade no que se fai. Temos algo máxico que mostrar e a xente engánchase. Iso é fantástico. É un bo momento para que un artista galego coloque un tema como fixo Andrés do Barro no máis alto. Está por chegar.