A Sala X bota a vista atrás para presumir da súa aposta por visibilizar a artistas femininas
Por Redacción
Máis da metade dos artistas que participaron nas exposicións colectivas da Sala X foron mulleres. ÿ a porcentaxe máis alta dos espazos culturais galegos, tanto públicos como privados. Agora, unha selección das obras que pasaron por este espazo forman parte da exposición Xénero e artes visuais na UVigo, unha retrospectiva que ata o 26 de marzo se poderá contemplar nesta sala da Facultade de Belas Artes.
A través dunha serie de obras expostas xa no seu día, esta mostra colectiva trata de "facer balance de todo o feito na Universidade en materia de xénero no campo das artes visuais", explicou Mar Caldas, coordinadora da Sala X e comisaria da exposición. Enmárcase ademais dentro do festival Miradas de Mujeres 2014, co que o colectivo Mujeres en las Artes Visuales promove unha serie de actos dirixidos a facer visible o labor das artistas en España.
Varias das obras que forman parte de Xénero e artes visuais na UVigo proceden do espazo expositivo do campus de Ourense, que tamén inclúe unha selección dos traballos realizados polas artistas que forman parte do grupo de investigación ES2, que dirixe a catedrática de Escultura Yolanda Herránz e que desde 1995 vén desenvolvendo liñas de traballo que abordan a perspectiva de xénero desde o ámbito da creación.
Así mesmo, nesta exposición tamén se fai balance, a través de diversa documentación, das principais exposicións que trataron a cuestión de xénero ao longo da historia da Sala X; e amosa unha selección das máis de 80 postais realizadas en Belas Artes nas tres edicións do Proxecto de Visibilización Artistas, para o que cada ano se seleccionan unha serie de obras realizadas por alumnas de último curso da facultade.
Xunto coa exposición destas postais e de dúas lonas nas que se amosan a gran formato dous dos traballos que forman parte deste proxecto, esta exposición tamén inclúe a proxección dunha serie de vídeos nos que se rememora a participación de mulleres nas dez edicións das xornadas de arte e acción Chámalle X
A estes contidos súmase, nun espazo anexo, a proxección en modo bucle de Digna Rabia, un documental realizado polos investigadores da Universidade Victoria Martíns e Ángel Rodríguez Gallardo no que se retrata como padeceron as mulleres galegas a ditadura de Franco.